Partido Popular de Lugo

Os populares lamentan un novo caso de “pasotismo” do Goberno local que deixa aos veciños de Cervantes sen decoración nin programación de Nadal

18 de decembro, 2018. O voceiro popular de Cervantes, Javier Santín, critica a falta de alumeado e decoración de Nadal no municipio a menos dunha semana de Noiteboa. “Cervantes debe ser o único concello da provincia sen unha mínima decoración ou iluminación que contribúa a xerar alegría entre os veciños nestas datas. Tampouco temos constancia da programación de actividades para este Nadal. Isto demostra, unha vez máis, o pasotismo e deixadez do alcalde debido á súa acomodación no Goberno local. A a súa falta de acción arrástranos a todos a vivir estas datas nun ambiente entristecido”, critica.

 

Santín explica que “non nos consta que dende o Concello se promova tampouco ningún tipo de programación de Nadal que contribúa a dinamizar a vida social dos veciños e veciñas nestas datas de xuntanzas e confraternidade. Mesmo nos últimos anos a Cabalgata de Reis foi organizada dende a ANPA do colexio”.

 

Pola contra, o popular considera que “debería ser o Concello o promotor de certas actividades de calado. Por iso lle esiximos que cumpra coas súas responsabilidades”.

 

 

Ausencia de actividades sociais e culturais

O voceiro do PP e candidato á alcaldía de Cervantes afirma que “este é o proceder dos últimos anos que se estende tamén a outros moitos asuntos relacionados co municipio. Por poñer un exemplo, o Goberno local socialista non se preocupa de xestionar nin organizar ningún tipo de actividade social ou cultural nin polo Nadal nin por outras datas. Nin sequera é capaz de preocuparse por algo tan sinxelo que podería reportar algo de alegría aos veciños e veciñas que sofren esta discriminación con respecto aos doutros concellos que disfrutan de decoración e programación de Nadal”, censura.

 

Finalmente, Santín lamenta que “Cervantes só sexa noticia por algún aspecto negativo coma a perda de servizos ou a falta de actividades para promover as relacións entre a veciñanza; mentres o alcalde mira para outro lado”, conclúe.