Burela, a 17 de decembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela denunciou hoxe que “o alcalde non ten os partes de traballo da empresa GESECO, concesionaria dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria, correspondentes ao baldeo de colectores, nin aos de limpeza e baldeo mecánicos de rúas e beirarrúas. Tampouco os que se corresponden cos labores de desratización”.
Os populares engaden que “por non ter, tampouco hai no Concello copia dos TC1 de todos e cada un dos meses do presente ano desde xaneiro a outubro correspondentes aos traballadores de GESECO asignados ao contrato do Concello de Burela. Polo que, temos que concluír que o alcalde está eludindo as súas responsabilidades e que pode ser que se estean a pagar traballos que non se fixeran na súa totalidade”.
Desde o Grupo Municipal do PP indican que o pasado 21 de novembro solicitaron diversa documentación relacionada co servicio actual de recollida de lixo e limpeza viaria. “Á vista de que boa parte dela non se nos entregaba, reiteramos a solicitude o 26 de novembro, en concreto dos partes de traballo indicados e dos TC1, e o propio alcalde resposta o día 27 do mesmo mes dicindo que nos denega o acceso ‘…tendo en conta que se trata de antecedentes, datos ou informacións que non obran en poder desta administración’. Isto parécenos dunha gravidade extrema”.
Para os edís populares a conclusión é que “pode que non se estea a cumprir nin o prego de condicións aprobado no seu día nin o contrato asinado coa empresa concesionaria e, polo tanto, o alcalde estaría ordenando pagos de traballos que poida que non se estean a facer na súa totalidade. Entendemos que eses partes de traballo terían que estar no Concello, ben como tales para que o propio Concello faga un seguimento, ou ben integrados nos expedientes de abono das facturas mensuais que se fan á empresa. Pero o feito de que non se nos entreguen demostra que non están nin dun xeito nin doutro, agás que o alcalde, unha vez máis, minta”.
Os populares lembran que “segundo o Prego de Prescricións Técnicas (PPT) que serviu de base para a adxudicación a GESECO, a limpeza de colectores será bimensual, agás en xullo e agosto que será mensual (PPT, páx. 31). E, ademais, constan no PPT como obrigatorios os baldeos mecánicos de beirarrúas, rúas e zonas peonís (páx. 36). De feito, asigna 78 xornadas ao baldeo mecánico no verán e 260 xornadas ao ano para o sector adicional de baldeo/fregado mixto”.
Desde o Grupo Municipal Popular consideran que “o alcalde debe velar polo cumprimento do PPT e do contrato e verificar que os mesmos se cumpran nos termos establecidos. De non ser así, debería adoptar as medidas oportunas que a lexislación fixa”.