Partido Popular de Lugo

O PP felicita o Nadal co reto de que en 2019 “cada vez sexamos máis” e co desafío de gobernar Lugo

19 de decembro, 2018. Na sede do Partido Popular de Lugo desenvolveuse esta tarde a celebración da copa de Nadal, un acto que serviu para felicitar as festas aos centos de afiliados e simpatizantes que acudiron a esta cita.

 

Nesta xuntanza participaron, ademais da presidenta provincial Elena Candia e o presidente local e candidato por Lugo Ramón Carballo, diferentes cargos de ámbito nacional, autonómico, provincial e local.

 

Candia iniciou a súa intervención felicitando as festas “aos nosos, aos amigos, aos colaboradores aos afiliados”. Nese sentido, agarda que o 2019 sexa un ano de éxitos para todos e tamén para a familia popular lucense. "Pero para alcanzar o éxito debemos traballar de cara ás vindeiras eleccións municipais co obxectivo de obter o apoio maioritario dos lucenses que nos permita devolver unha xestión crible e comprometida con todos e todas tanto no Concello coma na Deputación", indicou. "Porque o Partido Popular é garantía de futuro, de mellora dos servizos públicos, de impulso aos sectores económicos e de incremento de achegas a entidades sociais", engadiu Candia.

 

"Precisamente hoxe sorteamos unha cesta solidaria con produtos elaborados por entidades que traballan pola integración das persoas con diversidade funcional reivindicando o seu labor e o noso apoio a todas as entidades de carácter social", recordou a presidenta provincial que tamén dirixiu o seu afecto “aos lucenses que teñen dificultades para celebrar estas festas e a todos os que lembran nestas datas aos seus seres queridos que xa non están”, engadiu.

 

Nese senso, recordou ás vítimas da violencia de xénero e, especialmente, á moza Laura Luelmo. Na súa memoria e na de todas as mulleres que foron asasinadas neste 2018 os populares mantiveron un minuto de silencio que se prolongou en sinal de dor polo falecemento e a desaparición dos tripulantes do pesqueiro El Sin Querer II que naufragou nas proximidades do Cabo Fisterra.

 

 

Orgullosos do Partido Popular

O presidente local do Partido Popular, pola súa banda, afirmou que “o 2019 ten que ser un ano no que todos nos sintamos orgullosos do Partido Popular e dos éxitos conseguidos” agardando que “cada vez sexamos máis os que defendemos as siglas do Partido Popular”.

 

Carballo asegurou que “o un reto que temos por diante é difícil pero co traballo de todos xuntos, a unión e a ilusión é posible chegar”. “Eu, persoalmente, teño un desafío por diante que non é outro que gobernar o Concello de Lugo” matizando que  “coa vosa axuda chegaremos”.

 

Ramón Carballo convidou aos asistentes a implicarse e “a dar o mellor de cada un para alcanzar este obxectivo, xa que os éxitos compartidos se disfrutan e saborean moito mellor xuntos”.

 

Ademais de felicitar o Nadal aos afiliados e colaboradores enviou unha aperta tamén aos seus rivais políticos e falou da necesidade de dignificar a política para poder ofrecer aos veciños un Lugo en Marcha, un Lugo activo, de futuro e de oportunidades.

 

Durante este acto de confraternidade sorteouse entre os asistentes unha cesta solidaria valorada en 200 euros que contaba con produtos de 25 entidades de Lugo que traballan a prol da integración de persoas con discapacidade.