29, outubro, 2018. Os populares da Fonsagrada critican a falta de coordinación do Goberno local co Goberno da Deputación Provincial en relación á limpeza de vías e á retirada de árbores que invaden as estradas trala nevarada da madrugada do pasado sábado. Pero, consideran “aínda máis grave” esta situación tendo en conta que “o alcalde é o vicepresidente da Deputación e responsable de Vías e Obras”.
Polo tanto, dende o PP local consideran “inconcibible” que “teñan que ser os veciños e veciñas os que retiren a neve e as árbores que invaden as vías do municipio e que lles impiden desenvolver a súa rutina diaria. Ante a falta de medios dende o ente provincial como responsables destes labores nas estradas da súa titularidade son eles os que fixeron posible que algunhas vías estean transitables”. Con todo, “aínda hoxe, dous días despois, hai zonas incomunicadas. É o caso da vía que comunica Neira de Rei e Louxas onde só estaban abertos na mañá deste luns os tramos de Becerreá”.
A importancia dos GES e da “previsión” do traballo municipal
Os populares advirten que “se non hai urxencias médicas ou accidentes e se restablece rápido o tránsito todo queda en anécdotas ou mal trago para os veciños e veciñas; pero para este tipo de situacións eran necesarios os GES que contribuirían a restablecer o tráfico e as comunicacións con maior celeridade”. A este respecto, lamentan que “o noso alcalde despediu, pola súa cabezonería, a 12 persoas a custe 0 para as arcas municipais”.
Dende o PP local recalcan a necesidade de prever estas situacións porque “vivimos na montaña a 1.000 metros de altitude polo que neva con frecuencia nas épocas frías do ano”. Aínda así, os populares consideran que “iso non é unha escusa para non facer nada” e insisten en que “temos que estar preparados”. De feito, apuntan que “tampouco serve como escusa ter unha rede viaria tan extensa porque hai veciños que nos precisan e hai que atendelos”. Para iso, “temos moita maquinaria no Concello, pero é preciso establecer un plan de actuación e coordinación para casos coma este de problemas provocados pola neve, ou o mal tempo en xeral, que estableza as prioridades e pasos a seguir”. É dicir, precísase “unha boa organización dos recursos”, inciden.
“Inexplicable” falta de previsión e implicación
“Está claro que o alcalde non atende ao Concello”, aseguran dende o Partido Popular fonsagradino. Nese sentido, critican tamén a “falta de previsión” do Concello á hora de suspender a celebración da festa dos avós prevista para este domingo 28 de outubro ao ser coñecedores da previsión do tempo. “Tendo en conta que xa o sábado nevara copiosamente, aínda agardaron ata o domingo ás dez da mañá para cancelar a festa”, explican os populares que considerarían máis axeitado “ter avisado con máis tempo porque o temporal xa estaba anunciado”. Para os populares “isto demostra o pasotismo do alcalde en relación a calquera tema do Concello”.
Tamén por mor da nevarada, moitos veciños e veciñas da Fonsagrada levan sen electricidade nos seus fogares dende a madrugada do sábado. A este respecto, os populares pídenlle “maior implicación” ao rexedor socialista para resolver estes problemas que afectan á vida diaria dos fonsagradinos e fonsagradinas.