Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes recrimina ao alcalde “unha total falta de iniciativas” na procura do asentamento comercial e empresarial na localidade e na loita contra a perda de servizos

26, outubro, 2018. O voceiro do Partido Popular de Cervantes, Javier Santín, recrimina ao alcalde socialista, Benigno Gómez, que durante anos “mirase cara outro lado” e non promovese iniciativas que tivesen por finalidade loitar pola asentamento comercial e empresarial na localidade. “Criticamos unha total falta de políticas que permitan tanto apoiar aos servizos xa existentes como converter a Cervantes nun concello atractivo para que os mozos ou os veciños asenten os seus negocios ou pequenas empresas”, lamenta Santín.

 

O voceiro dos populares achaca que “as nulas políticas” do Goberno municipal socialista para incentivar a creación de negocios e postos de traballo en Cervantes, está a derivar na “importante perda de servizos”, que sofre o Concello. “Ano tras anos pechan negocios e perdemos servizos dunha forma moi acusada na capitalidade municipal. Así, San Román estase a converter nunha capitalidade fantasma tralo peche da oficina bancaria ou o hostal Belón que seguen ao peche da panadería que se deu a comezos deste ano”, apunta Santín. “A perda de servizos é unha clara consecuencia da falta de políticas do Goberno socialista en beneficio do asentamento da actividade económica”, segundo o popular.

 

“Non pode continuar de brazos cruzados tal e como fixo durante anos, xa que como responsable político correspóndelle facer o posible por conservar servizos”, aseguran dende o Partido Popular, ao tempo que poñen como exemplo propostas como pode ser a de aplicar axudas ou beneficios fiscais. Neste caso, os populares lembran a última proposta do PP a través da que pedían unha rebaixa do IBI.

 

Dende o Partido Popular lembran que na localidade “non temos unha zapatería, nin un perruqueiro, nin unha tenda de produtos do agro”, exemplificou, “mentres o alcalde amosa unha pasividade absoluta, sen arrimar o ombreiro e sen intentar dende o Goberno local apoiar aos nosos mozos e veciños”. Tanto é así, engade Santín, que “calquera persoa interesada en asentar o seu negocio en San Román, non conta con solo industrial”.

 

Para os populares a situación está a derivar en consecuencias negativas tanto para o municipio como para os veciños que “están a sufrir os problemas ocasionados pola escaseza de servizos que os obriga a desprazárense a municipios veciños”. Unha situación, segundo engade Santín, que se “agrava, se temos en conta que este feito non axuda a asentar poboación nova e os nosos maiores cada vez atópanse con máis dificultades para desprazarse quilómetros e facer as xestións diarias”.

 

Peche da oficina bancaria do grupo Santander

Santín lembra que a última consecuencia dunha total falta de actitude e de xestión por parte do alcalde socialista atópase no futuro peche da oficina bancaria que o grupo Santander ten na localidade, o que implicará que Cervantes contará só cunha sucursal doutra entidade. “Esta decisión está a provocar preocupación entre os veciños, sobre todo nas persoas maiores, que xa non só buscan unha xestión financeira cómoda, senón tamén a confianza que xa tiñan depositada nesta oficina”.

 

Ante esta situación, Javier Santín pide ao alcalde que “entre todos sumemos esforzos e se manteña unha reunión cos responsables da oficina do grupo Santander para buscar unha solución á decisión tomada polo banco”. O popular propón a posibilidade de que un traballador se desprace dous días á semana ata San Román de Cervantes para seguir prestando o servizo bancario aos veciños.