30, outubro, 2018. A voceira do PP de Monforte, Julia Rodríguez, asegura que “ao alcalde non lle preocupa a realidade da xente”. É máis, a popular considera que “coa proposta de redución das taxas do cemiterio, o rexedor socialista está facendo electoralismo barato cando se nega, por exemplo, a considerar a redución do tipo do IBI que lle levamos pedindo ano tras ano”.
Nese sentido, o Grupo Municipal Popular de Monforte lamenta que “o Goberno local se negue a aplicar outras bonificacións que poderían contribuír a estimular á rehabilitación de vivendas, á eliminación de barreiras arquitectónicas, á repoboación forestal ou a instalar enerxías renovables”. Estas eran algunhas das propostas que recollía a emenda dos populares en relación á proposta do Goberno local para a modificación das diferentes ordenanzas fiscais para o 2019.
Concretamente, os populares propoñían bonificacións do 90% no IBI sobre inmobles vinculados a explotacións agrarias ou do 50% para aqueles nos que se teñan instalado sistema de aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar. Outras bonificacións que recollía a emenda do PP eran tamén do 50%, no caso do I.I.V.T.N.U., para as transmisións de terreos sobre os que se desenvolvan actividades económicas declaradas de especial interese ou utilidade municipal e do 90% sobre a cota do ICIO polas obras de rehabilitación realizadas dentro da actual delimitación de Conxunto Histórico Artístico de Monforte de Lemos e tamén das demais obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal.
A rebaixa do IBI, unha reiterada petición do PP
En relación ás declaracións que ten feito o alcalde socialista en Pleno sobre a presión fiscal que sofren os veciños e veciñas de Monforte onde aseguraba que é menos que no 2015, Rodríguez convídao a “preguntarllo a tódalas persoas ás que lle aumentaron os valores catastrais por obras de mellora nas súas vivendas ou porque afloraron galiñeiros ou pequenas construcións que lles incrementaron o valor aos seus inmobles. Non so pagan máis de IBI, senón que en moitos casos están pagando os atrasos de catro anos atrás”, recorda a popular.
A este respecto, incide en que “o noso grupo leva dende o 2015 pedíndolle que baixe o IBI porque fora un compromiso que acadara con nos o anterior equipo de Goberno cando o tivera que subir debido ao plan de axuste. Pero o señor Tomé non escoita a ninguén”, advirte. “Emprega a política do medo indicando que se non recada, non pode haber festas, nin axuda a domicilio, etc. O señor Tomé está instalado na máxima do señor Pedro Sánchez de subir impostos para recadar”, asegura Rodríguez.
A popular subliña que “o alcalde de Monforte non pensa nas familias ás que lles costa moito pagar o IBI nin en favorecer obras de interese municipal ou a rehabilitación de vivendas. Só en contentar á veciñanza botando asfalto; pero, unicamente con iso, a situación económica e laboral dos monfortinos e monfortinas non mellorará. Hai que xestionar ben os recursos para estimular a economía”, segundo defende Julia Rodríguez.