Partido Popular de Lugo

O grupo municipal popular de Burela afirma que “o Concello é a única administración competente en materia de tráfico en Eijo Garay”

O Grupo Municipal Popular de Burela afirmou hoxe que “o Concello é a única administración responsable e competente en materia de tráfico na Rúa Eijo Garay por moito que o alcalde pretenda desviar a atención no referente á colocación do sinal de stop nesa mesma rúa, na súa intersección coa Rúa do Berbés. Vese que o alcalde é un absoluto ignorante xa que descoñece cales son os ámbitos de competencia municipais; pero sería suficiente con que lle dese unha ollada ao Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)”.

Polo tanto, segundo os populares, “o alcalde minte cando sinala que a responsabilidade da sinalización é de Portos de Galicia”. Os edís do PP explican que “ese sería o caso do que se entende como Sistema Xeral Portuario, pero nunca na Rúa Eijo Garay que é de competencia exclusiva da administración municipal”. Por outra parte, “o alcalde fala da idoneidade da sinalización do tráfico que vén do acceso ao porto a Eijo Garay, cando o sinal de stop colocado afecta xustamente ao revés, ao tráfico que baixa de Eijo Garay ata o Sistema Xeral Portuario”, apuntan.

Para os populares de Burela “hai ademais outras tres cousas que quedan en evidencia. A primeira é que o sinal de stop está mal colocado, xusto nun paso de peóns, co que se está sumando un elemento de risco que antes non existía. A segunda é que o alcalde non fixo o tan cacareado plan de tráfico que el mesmo anunciou cando se abriu ao tráfico o acceso ao porto. Nese caso, puido aproveitar as súas declaracións á prensa para explicar os motivos polos que incumpriu o seu compromiso, un dos moitos que leva  incumpridos, por certo. E a terceira evidencia é que unha vez máis este alcalde non asume ningunha responsabilidade e culpa a Portos da colocación do sinal de stop nun espazo de competencia exclusiva do Concello demostrando a nula vergoña e respecto institucional que ten este alcalde”, critican.