O Grupo Municipal Popular de Monforte lembra, trala publicación no BOE do anuncio de formalización dun contrato de redacción dos proxectos de trazado e construción da Autovía A-76 Ponferrada-Ourense no tramo da ligazón de Monforte Este – Babela, que “o anuncio de licitación xa fora publicado no BOE do 11 de novembro de 2017”. Trátase, polo tanto, “dun proxecto impulsado polo Goberno do PP como sinal do seu compromiso con esta infraestrutura”, apunta a voceira municipal, Julia Rodríguez.
Así mesmo, a popular incide en que “este anuncio da continuidade ao traballo iniciado polo Goberno de Mariano Rajoy atendendo ás demandas dos deputados lucenses e ourensáns”. Deste xeito, os usuarios da N-120 contarán cun itinerario alternativo e de grandes capacidades que supón unha mellora para a súa seguridade, ademais dunha redución do tempo de desprazamento”.
O proxecto afecta a un tramo de 7,7 km nos termos municipais de Monforte de Lemos, Sober e Pantón. Na contorna do Alto da Bastida, a partir da ligazón de Monforte Este e ata a ligazón de Monforte Oeste, o tramo desenvolverase como variante de novo trazado do núcleo de Monforte de Lemos. E, desde ese punto está previsto duplicar a actual estrada N-120 ata chegar a Babela, onde se remodelará a actual ligazón coa estrada autonómica de Monforte a Chantada, que servirá tamén de conexión coa futura autovía A-72 (Monforte-Chantada).
O importe total do orzamento base de licitación publicado no BOE do 11 de novembro de 2017 ascendía a 1.036.728,00 euros. O orzamento das obras para definir polo proxecto estímase en 32,6 millóns de euros.