Partido Popular de Lugo

Cubillas: “O Concello viuse na obriga de pechar a pasarela da área fluvial porque non fixo o mantemento necesario”

“O Concello viuse na obriga de pechar a pasarela da área fluvial de A Pobra porque non fixo o mantemento necesario”. Así de contundente resposta o voceiro do PP de Láncara, Santiago Cubillas, ao anuncio do rexedor local, no que xustifica a actuación municipal por motivos de seguridade e adianta obras de mellora na mesma debido a que a instalación se está a deformar nalgunhas partes.

“A realidade non é como a conta o alcalde. É certo que a ponte está deteriorada, pero tamén é certo que se fixeran reparacións antes, non chegariamos ata este punto”. Neste senso, Cubillas lamenta a “deixadez” do socialista, “quen sempre agarda ata o final para solucionar as cousas”, indica.

Por outra banda, o líder dos populares lancareses, tendo en conta que a pasarela presentaba deficiencias dende hai tempo, como o propio rexedor recoñeceu publicamente, critica que este non solicitase ata o de agora os permisos correspondentes á Confederación Hidrográfica para poder acometer os traballos de reparación. “Parece que o Sr. Piñeiro só se acorda de Santa Bárbara cando trona. Así nos vai, e así ten o concello”. E é que, segundo afirma, “tampouco hai prevision”, xa que unha actuación destas características “debe de ser anunciada con tempo e executarse non no verán, que é cando é máis demandada”.

Darío Piñeiro, “un lastre para Láncara”

Por todo elo, o grupo municipal do PP pídelle ao alcalde que “traballe e solucione os problemas, pois coa súa costume de esperar ata que xa non hai remedio, o que está a facer é ser un lastre para Láncara”.

Deste xeito, Santiago Cubillas maniféstase crítico e alerta de que esta non é a única instalación do municipio que pode verse nunha situación semellante se o Concello non executa os correspondentes labores de mantemento. É o caso da pasarela de Láncara ou das pontes de Armea de Arriba e de Vilouzán. Segundo o voceiro do PP, se a entidade local “se desentende delas, co tempo tamén terá que ser pechada como a da área fluvial de A Pobra”.

Outras actuacións necesarias

Asemade, os populares, en resposta ás queixas dos veciños, tamén lle esixen ao socialista que acometa na menor brevidade posible as melloras que precisan tanto o sistema de captación de augas de Vilaesteba como a ponte de Santa María da Lama, xa que “como siga esperando, o bo tempo rematará, e non poderá facer as obras ata o vindeiro ano, a pesares de contar co financiamento necesario para facelas”.