11, xullo, 2018. O Grupo Provincial do PP lamenta a “absoluta falta de confianza” que os propios socialistas teñen no proxecto de Darío Campos e Álvaro Santos, como así pon de manifesto o feito de que o alcalde de Castroverde, o socialista Xosé María Arias, leve mañá ao pleno da Corporación municipal a solicitude de entrega e cesión ao seu Concello por parte da Deputación, tanto da edificación residencia e centro de día para persoas maiores, ‘Residencial O Castro’, como dos terreos sobre os que se asenta.
Os socialistas de Castroverde demandarán ademais solicitar da Deputación Provincial de Lugo que se aplique a este Concello o réxime económico da achega financeira dá Deputación prevista para o resto dos Concellos da rede de residencias dependentes do organismo provincial.
O alcalde de Castroverde negouse desde o primeiro momento a rachar co convenio asinado entre o Concello e Suplusa no ano 2011 para a construción da residencia, como lle pedían os seus compañeiros de partido na Deputación. De feito rexeitou asinar o protocolo que propuña a Deputación ao entender que o convenio do 2011 tiña validez xurídica. Agora da un paso máis e pídelle á institución provincial a cesión do edificio e o solar no que está a residencia, que sigue pechada pese a ser inaugurada xa en 2015 polos socialistas.
Esta decisión do Goberno local de Castroverde pon de manifesto, segundo explican os populares, unha clara mostra da falta de confianza no proxecto de Darío Campos e Álvaro Santos, que non foron capaces de convencer “nin aos seus” sobre os seus plans para as residencias. Tanto é así que a día de hoxe as manteñen todas pechadas, pese a contar cos permisos precisos para a súa apertura.
“O que demostra esta petición por parte do Concello de Castroverde é que nin as promesas dos socialistas na Deputación, nin a súa xestión se sustenta, non son solventes, posto que nin os alcaldes do seu partido están do seu lado”, precisan desde o PP. “Nin os seus cren nun proxecto que se desangra e nunha xestión na Deputación que nin tan sequera é refrendada polos seus alcaldes.
Manter a folla de ruta
Pola súa banda, o Grupo Provincial do PP avanza que seguirá apostando pola xestión iniciada nun exercicio de “responsabilidade”. “Se unha vez máis o Concello de Castroverde decide apostar pola xestión con Suplusa e manter a folla de ruta iniciada en 2011, o PP prestará a súa axuda e permitirá a contratación das persoas seleccionadas, “ás que a Deputación tamén abandonou e que o PSOE empregou unicamente como arma política”.
Desde o Grupo Provincial do PP censuran que a Deputación se teña convertido nun barco á deriva no que as liortas internas teñen provocado que non haxa unha soa residencia aberta na provincia, nin prazos nin interese para que así sexa.