Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes afirma que a petición á Xunta do alcalde sobre os desbroces “resposta máis a unha reivindicación de política partidista que de necesidades reais”

12, xullo, 2018. O voceiro popular de Cervantes, Javier Santín, afirma que a petición á Xunta do alcalde sobre os desbroces das estradas “resposta máis a unha reivindicación de política partidista que de sensatez e proporcionalidade”. Deste xeito, a Santín chámalle a atención que o rexedor “só lle poña deberes á Xunta”, cando a rede viaria principal do municipio pertence nun 80% á Deputación e o 20% á administración autonómica.

 

“Queda claro os fins cos que saíu publicamente o alcalde que temos. Xa sabiamos que non ía recoñecer ningunha responsabilidade e, de atacar a alguén, tamén sabiamos que non ía ser aos seus compañeiros de San Marcos, nin a el mesmo, pero a necesidade real non está so na vía LU-722 da Xunta, que é a única que ten o Goberno galego no municipio e representa só un 5% sobre o total, senón nas da administración provincial e local, que son a que teñen o maior número de quilómetros no noso concello”, insiste.

 

O popular argumenta tamén a súa sorpresa por tales declaracións, sobre todo, porque os debroces na estrada indicada poderán comezar en quince días e o dirixente local “coñece de primeira man” que a xestión do Partido Popular está a ser decisiva nesta materia. Refírese Santín ao Plan de Rehabilitación do Firme de Estradas provincial, dotado con 15 millóns de euros, e que foi impulsado polo Grupo do PP na Deputación, aplicando un reparto igualitario para todos os Concellos, “no que Cervantes tamén sae beneficiado”, destaca.

 

 

Actuou por instrucións do Partido

Con estes datos, todo apunta, segundo manifesta Santín, “que o alcalde actuou baixo as directrices do seu Partido ou dalgún dos seus dirixentes, terxiversando a información co fin de non recoñecer quee con esta planificación non vai dar atendido a todas as aldeas en tempo e forma, e que incluso a Deputación non está a facer ben as cousas”. Proba delo, é que “como xa vimos na prensa, a Institución provincial mantén pechada a estrada de Degrada a Piornedo sen dar visos de cando pode quedar arranxada”.

 

Por todo elo, Santín considera que ao rexedor “lle falta algo de dignidade política”, e recoméndalle que, “antes de facer valoracións deste tipo, mire ben antes o que di, porque pode quedar desacreditado, como aconteceu neste caso”, subliña.

 

Respeto da sinatura do convenio para a adquisición do tractor para o desbroce de vías municipais xunto a dous apeiros máis (unha rozadora de arrastre e outra de brazo), e que a entidade local perdeu xa o pasado ano alegando falta de tempo, o voceiro municipal manifesta que, “se fose el, non tardaría nin medio minuto en firmar o convenio e axilizar os trámites, dada a necesidade que temos duns servizo destas características nun comcello como Cervantes que conta con 276 km2”.

 

“Que non lle quepa dúbida aos veciños que este voceiro nin o pensaría, senón que poría todo da súa parte para non perder os 90.000 euros que nos permitirían ter un novo vehículo co que dar un mellor servizo tanto para o desbroce de pistas municipais e camiños, como para zonas de protección ao redor dos pobos, apoio aos cotos de caza e comunidades de montes, así como para retirar a neve no inverno”, afirma.

 

Petición do PP

Tal e como manifestaron en días pasados, os populares seguen mantendo a súa petición de que a entidade local deseñe e poña en marcha de xeito inmediato un plan “axeitado e eficaz” de desbroce nas vías municipais que combine medios públicos e privados.

 

Dende o PP defenderon e defenden que esta é a opción máis indicada neste momento, xa que os medios existentes son insuficientes para atender todo en prazo, e o municipio conta con mais de 130 núcleos de poboación, repartidos en 21 parroquias, ademais de unhas pistas moi estreitas.

 

Os populares xa lle solicitaron esta medida ao Goberno local o pasado ano, pero non viron ningunha resposta por parte do Executivo socialista, a pesares de que tamén sería unha oportunidade para as empresas da zona especializadas na materia. Deste xeito, este ano voltaron a realizar a mesma petición porque o prazo recomendable para rematar estes traballos, segundo consideran, como moi tarde e setembro, e non facelos nos meses de novembro ou decembro, como aconteceu nalgún caso en anualidades anteriores.