BURELA, 10 de xullo de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés denuncia “a falla de rigor e de seriedade do alcalde no asunto do novo pavillón e a manipulación informativa á que nos ten acostumados, porque o que fixo o outro día foi sacarse unha foto e contarnos outra máis das súas múltiples milongas”.
Os populares aseguran que “non hai ningún contrato asinado con ningún arquitecto, estudo de arquitectura ou similar para facer ningún tipo de estudo ou proxecto. Chega con mirar a sede electrónica do Concello para ver que non hai tal contrato”, afirman.
Ademais, engaden que, nesa zona, de aproximadamente 6.700 m2, a entidade local ten unha parcela duns 3.500 m2, claramente insuficiente para executar todo o anunciado polo socialista. É o caso da instalación de gradas retráctiles; o que imposibilita que baixo delas se constrúa nada. Por outra banda, segundo indican dende o PP, tampouco se mercou o resto da superficie, co que non hai nada feito do que se lle solicitou ao rexedor no Pleno do pasado tres de xuño, sobre todo, porque de executarse o que este pretende, a extensión que ocuparía sería de alomenos 5.000 m2. É dicir, que para elo o Concello deberá mercar uns 1.500 m2.
Custo da obra
Dende o Grupo Municipal defenden que o custo dunha obra vén definido polo proxecto construtivo, que contempla a totalidade de elementos, dotacións, conceptos, unidades de obra, tipos de materiáis, etc., a empregar e construír. Polo tanto, “todo o que non sexa proxecto construtivo é falar por falar, destacan.
“E se a iso lle engadimos que non se conta coa totalidade da superficie precisa, estamos coma ao principio”, indican os populares, que lembran “que segue sen haber partida presupostaria para a adquisición dos terreos, e os que ten o Concello son insuficientes”.
Polo tanto, dende o PP reafírmanse, unha vez máis, nas súas conviccións: “temos un alcalde vago, falto de seriedade, que non encara os asuntos con decisión e rigor, e que se limita a facerse fotos e vendernos fume. Nestes momentos, no asunto do pavillón, estamos peor ca antes do Pleno do pasado tres de xuño, porque levamos un mes perdido”, conclúen.