Partido Popular de Lugo

O PP burelés asegura que o alcalde incumpre os obxectivos que el mesmo se fixa

BURELA, 15 de xuño de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés acusar ao alcalde de incumprir o que el mesmo se fixa como obxectivos, xa que a estas alturas do ano nada se sabe da ordenanza sobre as terrazas que anunciou en dúas ocasións, no plan normativo de 2017 e no correspondente ao presente ano 2018. Esta inoperancia, subliñan, “é o que está a provocar situacións cando menos chamativas como a mobilidade de determinado mobiliario urbano sin ningún tipo de rubor”.

Os populares lembran que o socialista anunciou que a estas alturas do ano a ordenanza sobre terrazas estaría en fase de consulta pública, pero obsérvase que “nada de nada, nin tan sequera está redactada. Entendemos que tal circunstancia posibilita que, na rúa Eijo Garay, no treito central, fronte ao Concello, se rompera a simetría deseñada no proxecto no seu día e existente fisicamente ata hai pouco, dado que se moveron bancos sen ningún tipo de explicación e parece ser que sen ningún tipo de solicitude formal previa por ninguén e sen ningún informe técnico municipal”, afirman.

Neste senso, os edís deste Grupo emprazan ao rexedor a cumprir a palabra dada e co que el mesmo se fixa como obxectivos. Neste caso, a redactar e a expoñer ao público a ordenanza sobre as terrazas, na que debe incluirse expresamente que a instalación das mesmas non derivará nunca en ocupación desmedida de espazos nas beirarrúas ou no dominio público, e que o mobiliario urbano será respectado en todo momento, e só será modificada a súa ubicación por causas xustificadas previamente informadas polos técnicos municipais e, en todo caso, sen romper a fisonomía da espazo público.

Os populares entenden que a exposición pública desta ordenanza non debe reducirse a un mero anuncio no portal de transparencia na sede electrónica do Concello, senón que este asunto debe tratarse cos hostaleiros e consensuar un texto que non prexudique aos mesmos pero que non menoscabe o interés xeral.