Partido Popular de Lugo

Só a consellería de Medio Rural inxectou en 2017 na Ulloa máis de 6 millóns de euros

14, xuño, 2018. Os populares da Ulloa destacan o impulso que están a supoñer as axudas concedidas pola consellería de Medio Rural ao sector agrogandeiro e forestal da comarca, e que en 2017 superaron os 6 millóns de euros. Deste xeito, dende o PP agradecen esta “inxección económica” que permitiu incrementar a profesionalización do agro da zona, garantindo a viabilidade das explotacións e o mantemento e conservación da masa forestal existente na comarca.

 

Concretamente, a maior parte destas subvencións están incluídas nos distintos programas impulsados pola consellería, como son os plans de mellora; as axudas para a incorporación de mozos; o Plan Marco, destinado á rehabilitación de camiños; o desenvolvemento das concentracións parcelarias; o pagamento da PAC; o impulso da produción ecolóxica e dos traballos de silvicultura, limpeza de montes e reforestación; as subvencións para a transformación e comercialización de produtos, etc.

 

Para os populares estas axudas cobran especial importancia “se temos en conta que os tres municipios se sitúan na relación de Concellos de Galicia con máis pacas que persoas, o que dá unha idea do importante peso que ten o sector, sobre todo o do leite, nesta zona”, afirman. Proba delo, é que segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei se aproximan ás 20.000 cabezas de gando.

 

“Para a nosa zona que Medio Rural faga un esforzo inversor é crucial. Son moitas as familias que viven do agro, polo que canto máis se potencie, máis serán os mozos que decidan continuar coas explotacións familiares e máis os que se queiran incorporar e emprender unha vida no rural”, remarcan.

 

Distribución dos 6 millóns

Os 6 millóns de euros que vén de investir a consellería de Medio Rural distribúense do seguinte xeito por municipio:

 

Consellería do MEDIO RURAL. INVESTIMENTOS e AXUDAS PAGADAS durante a anualidade 2017

TOTAL por CONCELLO

CONCELLO

1.263.260,17

Antas de Ulla

2.265.309,49

Monterroso

2.604.604,25

Palas de Rei

6.133.173,91

TOTAL