Partido Popular de Lugo

O alcalde de Xermade perdeu unha axudas de máis de 11.200 euros para arranxar camiños por presentar mal a documentación

18, xuño, 2018. Os populares de Xermade alertan de que o Concello vén de perder unha axuda de 11.285 euros da Xunta de Galicia porque as propostas realizadas polo rexedor incumprían os requisitos indicados nas bases reguladoras do Plan de Mellora de Camiños Rurais 2018-2019 da consellería de Medio Rural, demostrándose así, aseguran, “o mal xestor que é, que nin tan sequera é capaz de presentar os proxectos acorde á norma, arriscándose, como aconteceu neste caso, a perder case 2 millóns das antigas pesetas para arranxar camiños”.

 

A normativa establece que o importe mínimo para cada unha das actuacións (calculado sobre a base do orzamento de execución material máis os gastos xerais e beneficio industrial) deberá ser igual ou superior a 6.000 €. Para estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física. As actuacións cun importe inferior non serán elixibles.

 

No caso de Xermade, as propostas realizadas polo rexedor socialista, en concreto nos camiños de Vilacide (4.800 euros) e Penachaíña (4.600 euros) non chegan ao importe indicado. En consecuencia, da axudas totais hai que detraer estes dous importes, así como a parte correspondente dos gastos xerais que suman unha perda total por valor de 1.000 euros, tal e como se especifica no DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2018 (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180115/AnuncioO90-191217-0001_gl.pdf).

 

Diante este proceder, que “deixan ben claro que o erro foi do alcalde”, lamentan que no Pleno celebrado o pasado xoves, e ante a pregunta formulada polo Grupo do PP, o socialista “non só eludise a súa responsabilide, senón que nos ofrecese unha versión ridícula”.

 

 

O rexedor local dixo textualmente: [..] o que fixo o proxecto falou con algún da Xunta e que primeiro lle dixo que eran os 6.000 euros con IVA e despois que cambiaron de criterio e que por iso se perderon os cartos […], pero isto “é mentira, pois a orde polas que se daban esta axudas non cambiou. O que pasa é que non se enteraron”, destacan os populares.

 

Bando fóra de prazo

Noutra orde de asuntos, subliñan que “a xestión do alcalde é tan nefasta” que o alcalde enviou o bando, a través do que se comunicaba a obriga dos particulares de facer limpeza das áreas próximas ás vivendas e outras instalacións, cumprindo a lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios, fóra de prazo.

 

A data límite era o 31 de maio de 2018, e nel se indicaba, ademais, que o seu incumprimento pode dar lugar a expedientes sancionadores por parte do Concello. Detectada “a neglixencia” do rexedor, os populares interesáronse por este asunto na sesión plenaria, obtendo como resposta que outros anos se mandou e que a xente xa o sabía pero que se fixo para recordar, tendo que ser a administración autonómica a que avisase.

 

“É lamentable que o alcalde actúe así. Non só incumpre a súa obriga de manter informados aos veciños, senón que ten a cara de descargar a responsabilidade na Xunta, a sabendas de que o fixo mal”. “O peor de todo, indican, é que estes continuos erros teñen consecuencias directas sobre os cidadáns, que son os que pagan esta mala xestión”.