Lugo, 24 de maio de 2018.- O Grupo Provincial do Partido Popular levará ao Pleno da Deputación de Lugo, que se celebrará o vindeiro martes, unha iniciativa a través da que instan ao Concello de Lugo a que constrúa unha nova instalación deportiva multidisciplinar na cidade coa que poida colaborar a institución provincial. Na súa moción, os populares tamén instan á administración local lucense a que, coa axuda do ente provincial, leve a cabo un mellor mantemento e unha mellora das instalacións deportivas xa existentes.
Os populares explican que a través desta iniciativa se está a dar trasladado a unhas das principais demandas dos clubs, asociacións e entidades deportivas, xa que no conxunto da provincia e, en concreto, na cidade de Lugo, existe un importante tecido asociativo deportivo que “levan a cabo un importante traballo a prol do fomento do deporte e, sobre todo do deporte base, pero que “non dispoñen das instalacións necesarias para realizar a práctica da súa disciplina”.
Dun xeito máis preciso, dende o Grupo Provincial Popular informan de que mantiveron unha reunión con clubs e asociacións deportivos da cidade de Lugo e, entre as conclusións extraídas, atópase a de que “a demanda de dotacións municipais non se axusta á oferta existente, polo que é o momento de dar un paso cara adiante que permita dar respostas ás necesidades dos diferentes entes deportivos de Lugo”.
Deste xeito, os populares defenden a necesidade de que para potenciar o deporte de base é preciso mellorar dotacións e incorporar novos espazos de adestramento e competición xa que mesmo na actualidade hai clubs que “deben alugar pistas ou que se ven obrigados a utilizar infraestruturas obsoletas que non están ao nivel dos nosos deportistas”.
“É por todos sabidos que a práctica deportiva ten moitos beneficios para as persoas tanto dende o punto de vista da saúde como dende o social xa que promove o desenvolvemento e integración social, xera sentido de pertenza, forma en valores e virtudes e mesmo, entre outros, axuda á convivencia, estimula o cerebro, eleva a autoestima ou forxa a disciplina”, precisan os populares, polo que consideran “moi necesario” que tanto o Concello como a Deputación se comprometan vía convenios e se impliquen na materialización tanto da construción dunha nova instalación deportiva multidisciplinar como na mellora das existentes.