Partido Popular de Lugo

Barreiro traslada publicamente o seu apoio para que o Goberno mellore a N-642 na súa totalidade e avance no proceso da A-74

25, maio, 2018. O voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, acompañado de deputados nacionais e senadores lucenses, trasladou este venres a alcaldes, concelleiros e voceiros do PP, así como a veciños que quixeron asistir voluntariamente ao encontro, tanto o seu apoio como a súa vontade política e persoal para demandar do Goberno Central que mellore na súa totalidade a estrada N-642, así como o impulso do resto de infraestruturas que o Executivo ten comprometidos nos Orzamentos de 2018, e que veñen de ser aprobados no Congreso dos Deputados e que, nos vindeiros días, pasarán á Cámara Alta das Cortes Xerais para a súa aprobación definitiva.

 

“O que pedimos, por tanto, é que se execute o que está previsto tanto para o arranxo como para a nova autovía e que se sigan facendo dotacións orzamentarias nos demais exercicios para que teña continuidade”. Trátase, ademais dunhas demandas, que lle trasladarán o vindeiro luns, día 28 de maio, ao secretario Xeral de Infraestruturas, Manuel Niño, na reunión que manterán ás 17:00 horas, na sede de Adif, e onde abordarán tamén a necesidade de que Fomento acometa o acondicionamento das infraestruturas da Zona Sur.

 

Barreiro remarcou que o Partido que representa iniciou dende hai tempo unha serie de contactos para que vías de comunicación como a nacional indicada sexan reformadas e corrixir así o estado intransitable que presentan. Proba delo, é que a principios do mes pasado, e como medida más recente, o Grupo do PP no Senado rexistrou unha moción para defender os intereses dos mariñanos e dos lucenses en xeral.

 

Concretamente, en dita proposta ínstase ao Goberno a proceder cos fondos necesarios o arranxo das estradas da provincia que están en peores condicións, así como o avance nos trámites administrativos para a execución das autovías que vertebrarán a nosa provincia co resto de Galicia, coa Meseta, e incluso co norte de España”. No caso da Mariña, inclúese a A-74, que vai de Barreiros a San Cibrao, e cuxo proxecto do primeiro treito Barreiros-Foz xa se atopa en redacción. Esta importante e demandada arteria de comunicación dispón nas contas deste ano unha partida de máis de 3 millóns de euros que irán destinados á aprobación e redacción dos proxectos para, posteriormente, licitar as obras dos treitos Barreiros-Foz-Burela e para o vindeiro ano case 30 millóns de euros para esta autovía.

 

No caso da estrada N-642, o importe forma parte dun lote que engloba outras vías das mesmas características na provincia, así como a instalación de novas medias antinéboa para a A-8, e que suma máis de 20 millóns de euros. A este respecto, Barreiro matizou que a este ano xa se habilitou unha partida de urxencia de 800.000 euros para reparar aqueles treitos que están en peores condicións. Asemade, noutra orde de investimentos, o voceiro no Senado tamén apuntou que, grazas ao importante paso que se deu coa aprobación das contas, o Estado inxectará 1,3 millóns de euros para a liña de ancho métrico Ferrol-Xixón.

 

Máis valoracións

Na mesma liña, o alcalde de Foz, Javier Castiñeira, que actuou de voceiro dos rexedores da comarca, apuntou que “confío en vós porque hai que trasladar a urxencia desta situación”; unha valoración que respaldou a presidenta provincial. “Creo que o labor do Partido ten que ir nesta dirección. Igual que na Deputación conseguimos que se habilitase unha partida de 15 millóns de euros para o arranxo das estradas provinciais, temos que unirnos todos para reivindicar esta nacional e poñer en valor o que xa foi un paso importante, como é a súa consignación nos orzamentos, a pesares do momento económico que vivimos”, afirmou Elena Candia.

 

“Temos que dar os pasos firmes e decididos para que se arranxe esta estrada, que dá servizo á nosa comarca, na que o sector da pesca é moi importante é onde xa se está a facer unha ampliación do hospital moi relevante e temos unha multinacional como é Alcoa”, concluíu a rexodora mindoniense.