URELA, 15 de setembro de 2017.- “Só cabe agardar a que o alcalde e o seu equipo golpeen a cabeza contra algo para que se dean conta de como está a limpeza e a recollida de lixo na nosa vila, dado que tamén hai problemas coa recollida de enseres”, manifa hoxe o PP de Burela ante a continua ausencia de control e de eficacia nestes servizos, porque “non se están enterando de nada e non poñen solucións”.
Os populares indican que, “unha vez máis, e deben ir alomenos unha ducia, vémonos na obriga de chamar a atención do rexedor para que, dunha vez por todas, se solucionen os problemas”. Concretamente, apuntan, antonte, mércores, día semanal no que toca recollida de enseres, en determinados puntos de Burela non houbo tal servizo. Así aconteceu na rúa Mondoñedo e na zona de Os Castros.
Esta recollida faise normalmente durante a mañá, pero resulta que hoxe venres aínda eran visibles enseres sen recoller, como poden ser pezas de mobles, unha táboa de planchar, un colchón, etc. O mesmo acontece no mesmo barrio, indo para o Chao do Castro, onde hai aparellos, ou mobles, indican.
Desde o PP consideran que “tentar vender o slogan ‘Burela Bonita’, tal e como está a limpeza viaria e a recollida de lixo, é unha broma de mal gusto e ata contraproducente”. Por iso, os populares pregúntanse: que ten que pasar para que se habiliten solucións?”.
Solucións inmediatas
Finalmente, pídenlle ao Goberno local “solucións inmediatas ao alcalde”, pois “estamos ante unha sitación semellante á do burro de Buridán, que pensando que montón de herba comer acaba morrendo de fame. Sen querer faltar ao respecto, entendemos que o alcalde pode chegar ao remate do mandato municipal sen ter tomado ningunha decisión, algo, por outra banda, habitual nel”, conclúen.