Partido Popular de Lugo

O PP de Burela denuncia que, unha vez máis, o alcalde incumpre a súa palabra sobre a xestión dos servizos de limpeza

BURELA, 13 de setembro de 2017.- O PP de Burela denuncia “un novo incumprimento” do alcalde e do seu equipo, especialmente do tenente de alcalde”, pois anunciaron que o Concello recuperaría os servicios municipais que están xestionados por empresas privadas, e resulta que agora sacan a concurso a limpeza dos edificios e locais dependentes do entidade municipal, segundo consta na acta da sesión de Xunta de Goberno do pasado 6 de setembro.

 

Por este motivo, censuran o proceder na xestión, cualificándoa de “lamentable”. “Entendemos que esta medida ten moi difícil xustificación logo de todo o que levan dito sobre o rescate dos servicios municipais privatizados”. E é que, apuntan, “se o argumento que se esgrimiu é que eses servizos saen máis caros feitos con empresas resulta que, a última adxudicación da limpeza de edificios foi hai dous anos, por outros dous, agora resulta que se fai xa por tres”.

 

Vívese moi ben de festa en festa”

Neste senso, consideran que tempo tivo o Executivo de facer un estudo sobre o posible rescate do servizo para que pasase a ser xestionado directamente polo Concello, “pero semella que se vive moi ben de festa en festa, e que estas cousas deben resultar menudencias”; de aí que afirmen que “o PSOE incumpre, unha vez máis, o programa co que concurriu ás eleccións municipais de 2015. Vergoña lles debería dar”, insisten.

 

Dende o grupo municipal indican que o custo deste servizo para os próximos tres anos será, segundo a acta indicada, de 644.130 euros, incluído o IVE, polo que, consideran, que “sería moi clarificador que o alcalde explicase publicamente os motivos de que esta prestación volva a sacarse a concurso para ser xestionado por unha empresa privada”.

 

Finalmente, os populares engaden que “non estamos en contra de que certos servizos estean cedidos a empresa privadas. O que estamos en contra é dos políticos que minten unha vez sí e outra tamén, dos que non se de fiar, e dos que hoxe din digo e mañá din diego. Entre estes políticos, están o alcalde e os seus compañeiros de goberno”, conclúen.