Lugo, 27 de xuño de 2017.- O Grupo Provincial do PP consegue que a Deputación de Lugo se comprometa, co voto a favor do PSOE e a abstención do BNG, a que a institución axilice o novo modelo de xestión dos parques de bombeiros pertencentes ao Consorcio para que esta se faga de maneira directa e non como ata o de agora. O deputado popular, José Antonio García, congratulouse pola aprobación desta iniciativa, xa que “é a forma de avanzar construtivamente. É o momento de cambiar o modelo e débense dar os pasos neses sentido con consenso”.
Ademais, tal e como defendeu o popular durante a súa intervención, esta medida posibilitará unha mellora das condicións salariais dos traballadores do cadro de persoal dos parques de xeito que estean equiparadas coas do resto dos profesionais que realizan as mesmas tarefas en Galicia. “Só co desbloqueo do modelo de xestión se pode acometer esa suba salarial, polo que era moi necesario desbloquear este proceso e agradecemos que o PSOE así o vira”.
O deputado popular explicou que ao estar próximo o remate do actual contrato de xestión indirecta dos parques do Consorcio de Bombeiros de Lugo, participados en condicións iguais pola Xunta e a Deputación, xorde o debate sobre a idoneidade de implantar un modelo de xestión directa dos parques de bombeiros provinciais, existindo o compromiso por parte da administración provincial de elaborar un informe que estableza a idoneidade deste cambio.
Ante esta situación, dende o Grupo Popular censuraron que “levemos 18 meses esperando polos informes xurídicos e técnicos. O PSOE anuncia en prensa o seu posicionamento á favor da xestión directa, pero mentres o din, non fan nada e o BNG, pola súa banda, dáse conta agora do problema despois de seis anos gobernando na Deputación.
Ante as criticas do PSOE, “que en vez de resolver os problemas, céntranse en botarlle á culpa ao PP”, o deputado popular precisou que a proposición é ben acollida desde a administración autonómica, “sempre que sexa froito do rigor e do consenso e unha vez ser realicen os traballos previos”.
Petición do PP na moción
En concreto, o Grupo Provincial do Partido Popular na súa moción piden que se materialice de xeito formal ante o pleno do consorcio provincial contra incendios e salvamento a vontade de cambio do actual modelo de xestión polo de xestión directa do servizo.
Ademais, na iniciativa plenaria popular esixen achegar, en cumprimento do compromiso adquirido, o informe económico e xurídico no que se concreten actuacións e se establezan prazos para levalas a cabo. Piden que este informe xustifique, cando menos, as vantaxes da xestión directa fronte ao modelo actual; que esta non supoña un menoscabo para os contribuíntes; e que non implique perda dos empregos dos profesionais que na actualidade están a prestar os seus servizos.
Ademais, José Antonio García tamén defendeu a reivindicación salarial dos traballadores dos parques de bombeiros en relación coa mellora das súas condicións laborais e, en particular, sobre a necesaria equiparación económica co resto dos profesionais que en Galicia realizan estas mesmas tarefas, urxindo que se proceda á mellora das condicións laborais dos traballadores do cadro de persoal dos parques de bombeiros pertencentes ao Consorcio, en particular, a súa equiparación económica en termos de igualdade co resto dos profesionais de Galicia”.