Partido Popular de Lugo

Elena Candia da conta aos alcaldes e voceiros do PP doutros 10 concellos dos investimentos que percibirán co Plan Único da Deputación

OUTEIRO DE REI, 20 de xuño de 2017.- A presidenta provincial do PP, Elena Candia, e o secretario xeral, Carlos Armesto, puxeron en valor este martes en Outeiro de Rei “o intenso traballo” emprendido polo Grupo provincial para que no Plan Único da Deputación “os socialistas non excluísen a ningunha entidade local da provincia”.

 

Ambos os dous dirixentes explicaron así, aos alcaldes e voceiros do Partido doutros 10 concellos, os investimentos que percibirán ao abeiro abeiro iniciativa, e que irán destinados a áreas como o emprego, obra pública, cultura, turismo e servizos sociais. Concretamente, as actuacións explicadas pola dirección provincial na tarde de hoxe benefician aos municipios de Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Meira, Outeiro de Rei, Pol, Portomarín e Rábade; e suman preto de 3 millóns de euros.

 

“Foron moitas as reunións que mantivemos para que este Plan fose aprobado por unanimidade pero, sobre todo, para que ninguén quedase fóra. Estamos plenamente convencidos de que a presión que exercemos foi decisiva, xa que, do contrario, dos concellos que estades presentes e, sobre todo, nos que non gobernamos, recibiriades pouco ou nada. Isto, pon en evidencia, que fomos necesarios para que nos vindeiros meses se poidan exectuar estes fondos”, insistiu Elena Candia, quen subliñou que “debemos de facer un esforzo para trasladar aos veciños a oposición construtiva que estamos a facer na institución que, como sabedes, dende 2007, gobernou pensando só para os amigos; o resto, e ata que se produciu unha situación de minoría como a actual, estábamos abandonados”. Proba delo, asegurou, “é que, durante estes anos, se non fose polas administracións da Xunta e do Estado, non recibiamos ningún tipo de colaboración”.

 

As cantidades ao detalle

As cantidades que percibirán estes municipios a través deste Plan son as seguintes: Castroverde (280.749 euros), O Corgo (309.897 euros), Friol (372.219), Guntín (291.158 euros), Lugo (500.000 euros), Meira (211.508 euros), Outeiro de Rei (320.319 euros), Pol (250.066), Portomarín (246.904 euros) e Rábade (189.123 euros). Deste xeito, con cargo a estas partidas executaranse obras, ademais doutras actuacións en materia laboral, social, turístico, deportiva e cultural, que beneficiarán aos máis de 122.800 veciños destes 10 concellos.

 

Terceira reunión, 37 concellos

Esta foi a terceira reunión que a dirixente popular mantivo cos compañeiros de Partido da provincia para explicar as negociacións do Grupo provincial, co fin de que se puxese en marcha un plan deste tipo, no que saen beneficiados os 67 concellos, sen discriminación algunha. Na tarde de onte, a dirección do PP reuniuse cos representantes de A Mariña e, o domingo, cos da Montaña. En total, nestes tres encontros, a presidenta entrevistouse cos alcaldes e voceiros de 37 municipios.