Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes denuncia que aínda non se iniciaran as obras na ponte das Casas do Río

Cervantes, 2 de maio de 2017.- O Grupo Municipal do PP de Cervantes denuncia que aínda non se iniciaran as obras na ponte das Casas do Río, pese a que hai xa dez días que o rexedor anunciou o inicio das actuacións, acompañado polo vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable de Vías e Obras, Manuel Martínez.

 

O voceiro do PP, Javier Santín, pídelle aos socialistas que, ademais de xuntarse para facer a foto, se preocupen porque as obras se realicen, posto que se trata dunha petición que os populares levaron ao Pleno hai case dous anos, iniciativa que o equipo de Goberno rexeitou.

 

Desde o PP lamentan que o rexedor dixera o pasado día 23 de abril que estaban visitando as obras da ponte cando aínda non se iniciaron. “Nin estaban iniciados os traballos ese día nin o están hoxe; pese a ter transcorrido case dez días”, explican os populares.

 

Javier Santín precisa que estes dous anos se puido pasar por esta estrada de titularidade municipal grazas á intervención dos veciños e veciñas, que se ocuparon directamente de encher as fochancas da ponte con escombro. “O perigo ao que estiveron sometidos todo este tempo é evidente”, explica, polo que critica que a intervención non se levara a acabo antes.

 

O Grupo Municipal do PP reivindica unha actuación urxente nesta ponte que conecta 8 núcleos de poboación nos que residen máis de 350 veciños e veciñas.

 

O Presuposto, cuxo importe alcanza os 118.000 euros, conta cunha achega de 53.740 euros do Ministerio de Hacienda, a maiores do que achegan o Concello e a Deputación provincial. As obras consisten na demolición dun dos pasos, a colocación de novos estribos, a instalación dun novo taboleiro e a mellora da capacidade hidráulica, o que beneficiará aos veciños e veciñas das aldeas de Bazal, Vilaespesante, Vilapún, Viladeite, Vilarguite, Teixeira, Pintinidoira e As Covas.