Partido Popular de Lugo

O concello de Lourenzá obvia a petición reiterada do PP de arranxo das vallas da zona do “Ranchito”, malia o risco que supón para os usuarios

LOURENZÁ, 28 de abril de 2017.- O Partido Popular de Lourenzá veise na obriga de volver a denunciar a “mala xestión” do Goberno local. E é que a entidade local está a obviar a petición reiterada do populares relativa ao arranxo das vallas da zona do “Ranchito”; o que supón un grave risco para os usuarios que a cotío fan uso desta zona de ocio.

 

Concretamente, o peche caeu en xullo de 2015, pero a alcaldesa aínda non deu instrucións para o seu acondicionamento. É precisamente esta ausencia de eficacia na resolución da incidencia, a que levou aos Populares a dirixirse ao Goberno ata en tres ocasións para solicitarlle o arranxo da mesma. “O que pretendemos, aseguran, non é outra cousa que evitar un mal maior”.

 

Desperdicio dos recursos existentes”

Deste xeito, lamenta que o Goberno non aproveitase o Obradoiro de Emprego “Serra da Cadeira II”, cofinanciado polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, Servizo Público de Emprego Estatal, o Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia, para a realización destes traballos. Concretamente, a través desta iniciativa, a entidade local precibiu unha axuda de preto de 19.400 euros que, segundo precisan os populares, “aínda non sabemos en que se investiu”. “En varias ocasións lle pedimos explicacións á alcaldesa, xa que consideramos que este Obradoiro se podía empregar para arranxar este peche, e garantir así, a seguridade dos usuarios. Isto evidencia, claramente, que a alcaldesa, no canto de xestionar, desxestiona, despercidiando os recursos existentes”, insisten.

 

A alcaldesa ten que pronunciarse

Ante a gravidade da situación, os populares esixen á alcaldesa que compareza publicamente para dar explicacións, pois o Obradoiro xustificouse ao 100%, “e aínda non sabemos que foi o que fixo con estes cartos recibidos”. Por este motivo, e debido ao que consideran “un despropósito xamais visto” e “unha mala planificación dos fondos públicos”, o Grupo municipal do PP volverá a pedir no vindeiro Pleno que a rexedora se pronuncie ao respecto. E é que a época estival aproxímase e a zona vai rexistrar cada vez máis visitantes, polo que o risco de que algunha persoa sufra algún dano aumenta.