Partido Popular de Lugo

O PP de Xermade esixe ao alcalde que garanta a seguridade dos usuarios do parque infantil de Momán

XERMADE, 10 de abril de 2017.- O grupo municipal do Partido Popular de Xermade, da man do seu voceiro, Antonio Riveira, esixirá o vindeiro mércores, no Pleno que celebrará a Corporación, que o concello acometa “de xeito inmediato” no parque infantil de Momán as xestións necesarias para garantir a seguridade dos usuarios, tal e como require unha dotación destas características. Os populares consideran que se trata dunha “necesidade de primeira orde”, pois as instalacións actuais, e que foron executadas recentemente, presentan “gravísimas deficiencias” que poden implicar o accidente dos menores que fagan uso das mesmas.

 

Asemade, e dado que a entidade local percibirá preto de 285.000 euros do Plan Único da Deputación, grazas á xestión desta formación política no organismo provincial, a instancias da súa voceira Elena Candia, consideran que “o alcalde non ten excusa para non facelo”. “Dende logo de fondos dispón e, se non o fai, estará sendo responsable das incidencias que poidan ocasionarse, xa que o dentro das súas responsabilidades está a de velar pola seguridade dos seus vecinos”, insiste Antonio Riveira.

 

Con notables e prexudiciais deficiencias

O 10 de novembro de 2016, é dicir, hai cinco meses, tal e como se explica na moción rexistrada polo Partido Popular, iniciouse por providencia da alcaldía o expediente de contratación da obras destas dotacións en Burgás, Cazás e Momán. Este proceso fíxose mediante contrato menor, por importe de 6.000 euros, convidando a varias empresas a participar na licitación, tendo estas que presentar a oferta no prazo de tres días naturais.

 

O proxecto incluía o subministro e instalación de xogos infantís nestas tres localidades, pero con diferenzas notables no de Momán; cuestión que para os populares “está inxustificada”. E é que no documento figura que estes estarían formados por un columpio, balancín, casiña de xogos, plataforma con tobogán e paneis, instalación sobre chan duro e anclaxe dos elementos con dados de formigón, pero non se incorpora chan de caucho, nin peche perimetral, nin outras medidas de seguridade imprescindibles para un parque infantil.

 

Incumprimento das bases de contratación

Ademais, segundo puntualiza Riveira, a entidade local manexa prezos inferiores aos do mercado para os elementos requeridos, pero nesta dotación foron colocados elementos de inferior calidade aos requeridos no proxecto, non cumpríndose así as bases de contratación, pois a oferta da empresa adxudicataria non recollía os elementos das características que se mencionaban no proxecto.

 

Deste xeito, a execución das obras amosan deficiencias que supoñen un risco para os rapaces que empreguen o parque, non gardando as distancias de seguridade, deixando á vista remates nos que se poden accidentar os menores, chan irregular sen caucho, sen peche perimetral; “en definitiva, con alta perigosidade á hora de desfrutar dos xogos”, conclúe o voceiro popular de Xermade.

 

Descargar moción