XERMADE, 11 de abril de 2017.- O Partido Popular de Xermade solicita ao alcalde que “non ignore aos veciños” e teña en conta a súa proposta para mellorar o tráfico rodado entre a estrada de Cabreiros-Viveiro (LU-540) e Lousada-Chao, incluíndo o acondicionamento ata a vía provincial 22-06 de Roupar a Lousada e Vilapedre, e evitar así a perigosidade do vial que cruza o núcleo de Teixido de Arriba. Así se reflicte na moción que os populares someterán ao debate no Pleno de mañá, e que ten por obxectivo diminuir a perigosidade do vial e beneficiar ao maior número de usuarios posible.
No Presuposto deste ano, a entidade local ten prevista esta actuación, que discorre dende o lugar de A Pía por A Vesura, ata Teixido de Arriba, na parroquia de Lousada para rematar na pista que comunica dito lugar coa estrada provincial CP 2206. Trátase “dunha decisión persoal”, segundo indica o voceiro popular, Antonio Riveira, que non satisface á veciñanza, pois nin tan sequera figura nas necesidades manifestadas en iniciativas como os orzamentos participativos que defendía a alcaldía. É máis, a disconformidade co proxecto que pretende levar a cabo a entidade local é tal que, concretamente o 100% dos cidadáns de Teixido, xa se dirixiron ao rexedor para manifestarlle o seu rexeitamento, e outros 40 veciños asinaron unha proposta de mellora.
Por este motivo, os populares, en resposta ás necesidades dos prexudicados, deciden levar este asunto ao Pleno co fin de que o rexedor “rectifique e deixe de lado a súa actitude dictatorial, e pense no que realmente necesitan os veciños”. “Creo que non estamos a pedir nada extraordinario, pois atender ós cidadáns é unha responsabilidade básica de calquera alcalde”, defende Antonio Riveira.
Este grupo municipal recolle así “a voz dos veciños”, pois cómpre destacar, ademais, que, en anos pasados, cando se mellorou o camino de A Pía, por A Vesura e Teixido de Arriba, tamén se acondicionou ata Choutar, cemiterio e Campo da Feira, así como ata a variante de Casasnovas con saída á estrada provincial e cun trazado menos curvo que o que se pretende fomentar.
Seguridade no parque de Momán
O grupo municipal do Partido Popular tamén esixirá que o concello acometa “de xeito inmediato” no parque infantil de Momán as xestións necesarias para garantir a seguridade dos usuarios, tal e como require unha dotación destas características. Os populares consideran que se trata dunha “necesidade de primeira orde”, pois as instalacións actuais, e que foron executadas recentemente, presentan “gravísimas deficiencias” que poden implicar o accidente dos menores que fagan uso das mesmas.
Asemade, e dado que a entidade local percibirá preto de 285.000 euros do Plan Único da Deputación, grazas á xestión desta formación política no organismo provincial, a instancias da súa voceira Elena Candia, consideran que “o alcalde non ten excusa para non facelo”.
O proxecto incluía o subministro e instalación de xogos infantís nestas tres localidades, executando solo o de Momán, pero con diferenzas notables sobre o as necesidades. E é que no documento figura que estes estarían formados por un columpio, balancín, casiña de xogos, plataforma con tobogán e paneis, instalación sobre chan duro e anclaxe dos elementos con dados de formigón, pero non se incorpora chan de caucho, nin peche perimetral, nin outras medidas de seguridade imprescindibles para un parque infantil.