LOURENZÁ, 4 de abril de 2017.- O Partido Popular de Lourenzá amosa a súa sorpresa polas declaracións realizadas pola rexedora deste municipio ante o feito de que “pola súa deixadez de funcións”, a entidade local perdese os 35.000 euros da subvención concedida pola Xunta de Galicia para o acondicionamento do aparcadoiro do cemiterio de San Adriano. É por este motivo polo que, a voceira popular, Emma Álvarez, subliña que a rexedora “non se entera, e moléstalle que o PP estea facendo ben o traballo de Oposición”. E é que, grazas a esta formación política, “os veciños e S. Adriano hoxe saben que, por falta de xestión, o concello perdeu unha oportunidade extraordinaria para facer a obra”, destaca.
“Por culpa da sua ineficacia e autoristarismo”
Asimesmo, ante a afirmación da rexedora de que “eu mesma estea feliz pola perda, o que teño que dicir é que é unha desfachatez absoluta, pois realmente temos que lamentar que por culpa da súa ineficacia e mesmo autoritarismo o cemiterio aínda non puido ser mellorado”. A este respecto, Emma Álvarez denuncia que cualifique de “galiñeiro” o proxecto que deixara encamiñado o Partido Popular, pois o certo é que se “a rexedora houbese feito os deberes os veciños terían aparcadoiro e agora o que teñen é nada de nada”.
“A alcaldesa non cumpre cos cidadáns”
“Esta é a auténtica realidade”, afirma Álvarez, ao tempo que subraia que “a alcaldesa pode dicir o que queira pero os cidadáns nas eleccións encomendáronlle unha responsabilidade e non está cumprindo con eles”. Neste senso, pregúntase: ¿como pode ser que deixe perder así 35.000 euros?”. “Isto é inaudito é pon de relevo a súa incapacidade para xestionar os fondos públicos, que non son máis que os fondos que pertencen aos veciños. Non lle pertencen a ela para facer e desfacer segundo lle conveña”, conclúe a voceira dos populares.
Antecedentes
|
Tal e como figura na documentación que se adxuntou no día de onte, esta subvención publicouse no Diario Oficial de Galicia o 27 de xuño de 2016. Concretamente, na orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as aportacións dentro do Plan específico extraordinario nos concellos de Galicia. Deste xeito, para esta actuación, Lourenzá, se houbese actuado coa dilixencia que procede e non presentando a solicitude o 27 de xullo (o último día), recibiría a cantidade indicada, tendo que aportar tan só a entidade local 7.350 euros. É dicir, que a administración autonómica sufragaría o 79% mentres que a endidade local tan só o 21% restante.
Ademais, lembran que o acondicionamento do aparcadoiro xa se incluía no obradoiro de emprego Serra Cadeira II que fora solicitado polo anterior equipo de goberno en 2015, e para o que tamén se contaba co permiso de AGADER. É dicir, que a obra estaba en plenas condicións para poder ser executada, pero na xustificación do mesmo que o consistorio enviou á Xunta de Galicia figura a actuación cun 0% de execución, constando literalmente que “O Concello non quixo facer a obra”.