Sarria, 13 de marzo de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular denuncia que o Concello de Sarria, gobernado pola socialista Pilar López, é o segundo peor pagador da provincia, só seguido por outra administración local. O pagamento faise en Sarria en 194,27 días, cando a media a nivel nacional se sitúa nos 42,55 días.
Así o revela o informe do Ministerio de Hacienda y Función Pública correspondente ao mes de decembro de 2016 que vén de facerse público e no que sinala que o período medio de pago a provedores do Concello de Sarria é de 194,59 días, aos que habería que engadir os 30 días de media que contempla o deseño do período medio de pago a provedores.
O PP remarca que estes datos son anteriores á decisión “inaudita” da alcaldesa de suspender os pagamentos no mes de xaneiro, polo que a situación a día de hoxe “seguramente estea agravada”, información que se comprobará nos datos dos vindeiros meses.
Desidia e ineficiencia
Este dato demostra, tal e como explican os populares, que nos atopamos ante o Goberno local máis ineficiente e acomodado da historia de Sarria. Desde o PP lamentan que esta situación se estea a producir pola incapacidade da alcaldesa de xestionar os recursos municipais e pola súa desidia.
“Trátase dunha xestión que teñen que sufrir todos os veciños e veciñas e que sitúa a Sarria como o segundo Concello no que máis se demoran os pagamentos a autónomos ou empresas que prestan os seus servizos. Estamos ante unha xestión que corresponde solucionar ao equipo de Goberno por ser a súa competencia e que repercute de xeito negativo na economía da localidade e na imaxe que desde o Goberno local se está a trasladar”, conclúen.