Lugo, 14 de marzo de 2017.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, asegurou no pleno de hoxe que o Goberno da Deputación acerta cando escoita á oposición e asegura que facilitar a aprobación dos Orzamentos “non supón un cheque en branco”. A voceira indicou que se está máis cerca de traballar como necesitan os concellos, de maneira “que se pon a primeira pedra para que os socialistas muden a súa forma de facer política e empecen a gobernar para todos”, un cambio de actitude no que foi determinante o traballo que o PP leva feito todo este tempo.
A abstención do PP é determinante para que se aproben as contas da Deputación de Lugo para o ano 2017, posto que solo coa abstención do BNG non sería suficiente para que saíran adiante. Se o PP votara en contra quedaría rexeitado ao ter 12 deputados, fronte aos 11 do Goberno.
A popular explicou que xa no Pleno do 27 de novembro de 2012 o Grupo Provincial do PP defendía tres emendas para mellorar o orzamento. A primeira delas para destinar máis de 13 millóns de euros ao Plan de Obras e Servizos e explicando as partidas de onde ía saír esta contía. A segunda; pedíamos que se destinaran os 2,5 millóns de euros do Plan de Cooperación ás Entidades Especiais a un plan de cooperación cos concellos, coa elaboración dunha bases específicas e por último; a terceira emenda solicitaba o aboamento do 100% do SAF. “Todas estas contías equiparábanse aos 20 millóns de euros que hoxe integra o Plan Único”, apuntou.
Candia remarcou o acordo acadado e a felicitación a todos os partidos políticos. “Partimos de xuño de 2016, onde se asentaron as bases e había posibilidades, aínda que fóra de prazo, de levar este orzamento en decembro ou novembro”, aclarou.
O PP foi quen puxo a primeira pedra
A popular preguntouse qué mudou dende o ano 2012, onde o PSOE e o BNG non aceptaron as emendas do PP e pese a que ambos estaban no Goberno. “O que cambiou foi que hai un goberno en minoría e que este grupo é escoitado. O Grupo Provincial do PP puxo a primeira pedra. Dende 2007, levámonos dirixindo a Besteiro para que goberne para todos e hoxe estamos cada vez máis preto diso”, subliña.
“De todos os xeitos, engadiu, estamos ante uns orzamentos que poden ser mellorados, botamos en falta, por exemplo, un plan máis amplo de estradas da provincia, xa que dos sete millóns de euros, tres xa son para conservación, só quedan outros catro para novas infraestruturas e se cumprimos cos compromisos asumidos cos concellos, como o da estrada de Navia, non queda nin tres millóns de euros para o resto da provincia. Son mellorables”. A maiores disto, Candia dixo tamén que segue habendo moitas partidas sen concretar, polo que “non é o mellor orzamento posible”.
Expuxo ademais que o PP “cumpre co asumido cos veciños, facilitar estes orzamentos, e poñemos en valor os acordos acadados por este grupo, como é o incremento salarial dos bombeiros, polo que avogou por seguir a traballar nesa dirección”. Apuntou que a institución non é o exemplo da mellor xestión, xa que segue a ser a peor pagadora de España, como así revelan os datos do período medio do pago a provedores do Ministerio de Hacienda.” Algo que se debe intentar corrixir”, matiza.
Cambio de postura do BNG
Elena Candia preguntoulle ao BNG onde estaba os 8 anos que gobernou “sendo cómplice do besteirismo e cómplice dunha política orzamentaria mercantilizada e de compra de favores”. “Como rectificar é de sabios, é indubidable que a postura do señor Ferreiro é distinta á liña do BNG que se viviu nesta Deputación estes últimos 8 anos, polo que só queda aplaudirlle e dicir que cando traia estas aspiracións o PP axudará”.
A voceira foi crítica coa xestión de Besteiro e tamén coa de Darío Campos de quen dixo que decidiu sacrificar ao deputado Manolo Martínez a costa de manter o matrimonio co BNG. “Intentouno, saíulle mal e viu ese acerto dos nosos 4 meses e despois como a cousa non se daba reconducido o señor Darío decide romper o matrimonio co BNG e volver a casarse con Manolo Martínez. Polo medio nós intentamos poñer cordura a unha situación que non había por onde collela”, resumiu.
“Dito isto, e como non estamos para amañar matrimonios, que estamos para defender os intereses dos veciños e veciñas chegamos a esta situación. O PP foi moi crítico coa era do besteirismo e tamén coa do señor Darío, sempre lle ofrecemos de forma moi construtiva facer uns orzamentos que os que máis se asemellan son estes. Hai carencias importantes e puxémolas enriba da mesa e hai moito que mellorar, pero hai avances que casualmente son os que nacen da unanimidade ou de acordos que previamente se traballan con todas as forzas representadas na institución”, anotou.
O PP, responsable e consecuente
Candia rematou a súa intervención defendendo que o seu partido “foi moi responsable e consecuente e non se casou con ninguén. Cando coincidimos con algunha proposta co deputado non adscrito tiñamos 13 votos, se coincidimos co BNG tiñamos 14 votos e se coincidimos con todos seremos 25. Pero non nos moverá ningunha afinidade, rancor ou odio, moverannos os intereses da provincia que defenderemos aquí e en todas as institucións onde esteamos no goberno ou na oposición porque para iso nos votan os cidadáns”.