Partido Popular de Lugo

O PP reivindica o papel da muller no rural e avoga por priorizar a súa visibilidade neste medio, o emprendemento, a conciliación e o uso das TIC

MONDOÑEDO, 11 de marzo de 2017.- O Partido Popular de Lugo reivindicou este sábado en Mondoñedo, no marco do acto conmemorativo do Día Internacional da Muller, o papel que estas desempeñan no rural. Neste senso, no encontro, que foi inaugurado pola directora xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal do Ministerio de Agricultura, Esperanza Orellana; pola presidenta provincial e alcaldesa da localidade, Elena Candia; e pola coordinadora de Igualdade do PP en Galicia, Susana López Avella; avogaron por priorizar as seguintes áreas de actuación “co obxectivo de acadar a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres no rural galego”. Referiuse así, López Abella, á necesidade de incrementar a súa visibilidade, á promoción de emprendemento, á conciliación da vida familiar e laboral e ao fomento do uso das TIC.

 

“Galicia non se entende sen o rural, e a presenza das mulleres resultou ser clave para evitar o despoboamento e para a consecución dun desenvolvemento pleno e sostible; o cal constitúe unha garantía de viabilidade, identidade, progreso e cohesión para toda a sociedade. Poñer en valor e recoñecer a posición das mulleres no medio natural é garantirlles igualdade de oportunidades. Por este motivo, acadar o recoñecemento social, económico e institucional que merecen é hoxe unha prioridade da Comunidade Autónoma”, afirmou. E é que, “só así, engadiu, será posible mellorar a súa calidade de vida e potenciar un desenvolvemento sostible e equitativo do noso rural; o que leva aparellado, sinalou, un incremento da incorporación das mulleres aos órganos de dirección do sector agroalimentario”.

 

Neste compromiso, enmárcase, suliñou, “o propio lema do Partido: de igual a igual. Temos que ser as líderes do noso presente. Como dixo o presidente Feijóo estes días, Galicia ten nome de muller”, concluíu.

 

Na mesma liña, Esperanza Orellana destacou a importancia de impulsar este colectivo, a través de medidas que fomenten o emprego, a diversificación no rural e o plans de mellora da actividade agraria. Sinala que nos últimos catro anos, o Goberno Central destinou a estes plans máis de 5 millóns de euros. “Durante la crisis, en el sector agroalimentario, las mujeres son y han sido el salvavidas y el motor del mismo. Por eso, es importante que ellas y nosotras también participemos en del diseño de políticas europeas. Debemos estar en el centro de debate”, defendeu.

 

Pola súa banda, a alcaldesa da localidade e presidenta provincial apuntou que, “no recoñecemento dos dereitos das mulleres, non debemos dar nin un paso atrás”, e reivindicou que “os principios de mérito e capacidade non teñen idade nin sexo”. “É necesario que se nos dean as mesmas oportunidades e se nos mire como iguais. Sen nós, o rural, non vai a ningures”, sentenciou.

 

Deste xeito, a dirixente do Partido destacou a importancia de que as administracións activen liñas de axudas para fomentar o desenvolvemento profesional deste colectivo. A este respecto, subraiou “o apoio” da consellería de Medio Rural, a través, por exemplo, da resolución do 30 de decembro de 2016, referida ás achegas a mozos de 18 a 40 anos para novas incorporacións de actividade agraria. Segundo esta orde, Lugo é a provincia máis beneficiada. En total, 268 persoas recibiron 9,8 millóns de euros, o 40% do total destinado a toda Galicia. Destes perceptores, cabe destacar que 112 foron mulleres e 156 homes, e cada titular percibiu entre 20.000 a 70.000 euros.

 

Desafíos e demandas do colectivo

Para o desenvolvemento do acto, a Comisión de Igualdade, que coordina María José Blanco, realizou numerosas xestións. O obxectivo era abordar os distintos desafíos deste colectivo, así como as súas principais demandas. E é que, segundo indicou Elena Candia, “no rural temos un escenario de oportunidades moi importante e a igualdade pasa por poder elixir con liberdade”.

 

Logo da inauguración, ás 11.00 horas, a pedagoga e educadora familiar do concello de Xermade, Manuela Vilaboy, disertou sobre os retos das familias rurais galegas. Seguidamente, ás 11:30 horas, Elena Candia e Susana López Abella visitaron a explotación hortícola, situada no lugar de Vilamor, e cuxa titular é Rocío Maseda Varela; unha rapaza de 36 anos que colleu as rendas do negocio hai tan só un ano. Na actualidade, esta explotación conta cunha extensión de 7 hectáreas en produción, destinadas fundamentalmente ao cultivo da faba.

 

Posteriormente, tivo lugar unha mesa redonda sobre o emprendemento feminino no rural, que estivo moderada pola presidenta da Asociación de Mulleres e Igualdade de Burela, Mary Fraga, e nela interviñeron a presidenta de FADEMUR Galicia, Rosa Arcos; a titular de Granxa Maruxa, Marta Álvarez; a integrante de Fish and Jobs, Exportación de pescado a nivel internacional, Alba Cao; e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. O encontro rematou coa visita á cooperativa de artesáns mindoniense “Os Muiños”. Esta asociación, que data de 2004, está situada no lugar que lle da nome; unha zona moi coidada froito dunha recente rehabilitación. Está integrada por profesionais de alfarería, fotografía, pastelería, serigrafía, zapatería, entre outros oficios artesáns, como é o caso dos titiriteiros.

 

O encontro tamén contou coa asistencia de distintos representantes do Partido a nivel nacional, provincial e local. É o caso, dos alcaldes de Paradela e Begonte, José Manuel Mato e José Ulla Rocha; das alcaldesas de Folgoso do Courel e Triacastela, Lola Castro e Olga Iglesias, esta última tamén xefa territorial da consellería de Medio Rural en Lugo; do subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; do deputado no Congreso, Jaime de Olano; da senadora Sandra Vázquez Domínguez; da deputada autonómica, Encarna Amigo; do deputado provincial, Carlos Armesto; e da xefa territorial da consellería de Medio Ambiente en Lugo, Margarita López Blanco.