Partido Popular de Lugo

Comunicado do Partido Popular de Lugo sobre a praga da couza da pataca

Lugo, 16 de febreiro de 2017.- Desde o Partido Popular de Lugo pedimos responsabilidade para traballar todos xuntos no combate da praga da couza da pataca, que non debera ser unha escusa para a confrontación partidista, pois trátase dun problema cuxa solución vén e virá definida exclusivamente polos técnicos.

 

Insistimos na necesidade da unidade de acción no obxectivo por todos perseguido de erradicar a praga, o que esixe centrar os esforzos nas medidas de información e sensibilización a produtores e comercializadores de pataca. Calquera acción noutra dirección estará contribuíndo á extensión da praga e xerando situacións de confusión indesexables.

 

Temos ante nós un problema de saúde vexetal que esixe traballar xuntos e cooperando todas as administracións. É básico actuar con unidade e responsabilidade para xestionar que os danos sexan os menores posibles e todos poidan acceder aos recursos, información e apoios xa en marcha, a través das oficinas agrarias comarcais.

 

O oportunismo político non pode negar a realidade. Actuouse dende o primeiro momento e tomáronse diferentes medidas de seguimento,  control e erradicación, sempre en coordinación cos agricultores afectados e con outras administracións. Proba diso son os máis de 6.800 quilos de tubérculo afectado destruídos entre os anos 2015 e 2016, coa correspondente indemnización, ou o reparto de 820 polilleiros e 283 trampas só na provincia de Lugo.

 

Lembramos tamén que o borrador do decreto ministerial contempla a posibilidade de compensar aos agricultores polos danos causados pola couza e que, co obxecto de resolver todas as dúbidas, dende a Consellería do Medio Rural estase levando a cabo unha intensa campaña de información tanto con produtores (incluídos os responsables da IXP “Pataca de Galicia”) como con gobernos locais e sindicatos agrarios, tanto hoxe como desde que se detectou a presenza deste insecto en Galicia en 2015.