Folgoso do Courel, 14 de febreiro de 2017.- O Grupo Municipal do PP no Concello de Folgoso do Courel leva mañá a Pleno unha proposta da Alcaldía para iniciar os trámites para a cesión gratuíta do edificio e terreo da antiga escola de Folgoso á Deputación de Lugo, co obxecto de que a administración provincial constrúa nesta localización unha residencia e centro de día.
A alcaldesa da localidade, Dolores Castro, explica que “por medio do presente acordo queremos deixar claro a disposición da Corporación para que a residencia e centro de día da terceira idade no noso concello sexa unha realidade o máis pronto posible”. Así, a rexedora agarda contar co voto a favor do grupo socialista durante a sesión plenaria que se celebrará mañá “dada a importancia deste proxecto para os nosos veciños”.
Antecedentes
Dende o Goberno local lembran que a Deputación, a través da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa), e tras a xestión do Grupo Popular na institución lucense, incluíu nos orzamentos de 2016 unha partida para a creación dunha residencia e centro de día no municipio. Os técnicos da Deputación tras a análise do edificio obxecto da cesión concluíron que no lugar da súa reforma integral como estaba previsto no proxecto orixinario, era preferible o derrubamento do edificio da antiga escola para ampliar a capacidade da residencia da terceira idade. Así, coa finalidade de que continúe este compromiso da Deputación con Folgoso do Courel nos orzamentos do 2017, o Goberno local tamén solicita na súa proposta que a administración lucense leve a cabo os trámites necesarios para a construción da referida residencia, como é a redacción do proxecto e a sinatura do convenio.
Proposta da Alcaldía sobre acondicionamento da estrada CP-1301
O Goberno local tamén pedirá no pleno de mañá que a institución lucense que dirixe Darío Campos inclúa nos orzamentos de 2017 unha partida destinada ao proxecto de acondicionamento do último tramo duns seis quilómetros da estrada de titularidade da Deputación CP-1301 “de Seoane do Courel á Cª de Samos a Pedrafita, “unha das vías de máis importantes para os veciños, ao comunicar o municipio coa Autovía A6 Madrid – A Coruña”, explica a alcaldesa.
Así, na iniciativa o executivo do Courel solicítalle á Deputación información sobre as medidas que pretende adoptar neste treito “de sumo interese para a comunicación deste Concello e o de Pedrafita do Cebreiro”. Este último tramo da referida estrada “é espiña dorsal do Concello xunto co treito da estrada da Xunta que a día de hoxe xa conta cunha partida nos presupostos da Xunta e xa se mantiveron varias reunións para comezar a adaptar proxecto e iniciar o arranxo”.
Un compromiso feito público pola Deputación
Tras solicitar en varias ocasións información, a Deputación contestoulle ao Concello xa no 2010 que estaban a iniciar os trámite de expropiación correspondente ao tramo aludido da CP-1301. Ademais no ano 2015, a administración provincial anunciaba publicamente o seu compromiso de acondicionar esta estrada.
Neste caso, o Goberno local agarda tamén o voto a favor dos socialistas visto o illamento que sofre este Concello de alta montaña posto que conta con escasas vías de comunicación e as poucas que hai non se atopan en bo estado, agravándose polas inclemencias meteorolóxicas como son as grandes nevadas no inverno, sobre todo no que atinxe as estradas titularidade da Deputación Provincial de Lugo.