Lugo, 27 de decembro de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular agradece o compromiso posto de manifesto pola Xunta de Galicia para darlle remate ás obras de acondicionamento da LU-124. En concreto, o deputado popular, José Manuel Yanes Ginzo, explica que o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo licitará e executará o acondicionamento do treito entre as vilas de Riotorto e Vilameá (A Pontenova), unha vez sexan executadas as correspondentes ao treito entre Lindín e Cruz da Cancela, actualmente en contratación.
Así, na sesión plenaria celebrada esta mañá na que se esixiu a licitación e execución das obras de acondicionamento da estrada LU-124 entre as vilas de Riotorto e A Pontenova, Ginzo agradeceu o “forte” investimento público que a Xunta de Galicia está a dirixir ao acondicionamento desta infraestrutura e aclarou que o Goberno galego xa anunciou que actuará no treito entre Riotorto e A Pontenova, unha vez sexan executadas as obras do treito da LU-124 entre Lindín e a Cruz da Cancela.
Os populares rexistraron na sesión plenaria unha emenda de substitución á iniciativa socialista neste senso, co obxecto de que o departamento da Consellería de Infraestruturas e Vivenda actúe unha vez rematadas as obras que están contratadas e que non foi aceptada por socialista nin por nacionalistas. Ginzo entende que “é sensato e xusto defender o investimento no treito pendente (Riotorto-Vilameá) pero tamén é sensato e xusto entender as limitacións orzamentarias xa que os fondos dos que dispón a Xunta son limitados e é necesario actuar de xeito continuado”.
Forte aposta do Goberno de Feijóo pola LU-124
O deputado popular lembrou que a Xunta de Galicia xa garantiu investimentos no acondicionamento da LU-124 por importe de máis de 2,6 millóns de euros. “A maior aposta polas estradas destes concellos”, asegura. Así, xa están acondicionados os treitos de Mondoñedo a Lindín (A8) e o da Cruz da Cancela a Riotorto. De feito, engadiu Ginzo, “agora mesmo están contratadas e a piques de escomenzar as obras do treito Lindín- Cruz da Cancela, ás que se destinarán 1,7 millóns de euros”.
Actuacións relevantes realizadas na LU-124:
-
Travesía de Mondoñedo, executada no 2016, por un importe de 154.000 euros
-
Treito Mondoñedo-Lindín, acondicionado en 2015, cun investimento de 703.713,63 euros, con actuacións que incluíron rehabilitación do firme e mellora e ensanche da plataforma e da sinalización e balizamento.
-
Lindín-Cruz da Cancela: obras contratadas, cuxo proxecto inclúe a mellora do treito, con ensanche da estrada, mellora da drenaxe lonxitudinal e rehabilitación do firme, entre outras.
-
Cruz da Cancela-Riotorto, acondicionada no ano 2003 co investimento de 2.860.216 euros.
-
Riotorto-Vilameá (Pontenova): proxecto redactado cun investimento previsto de 604.050,26 euros e cuxas obras serán licitadas e executadas unha vez sexan finalizadas as do treito Lindín-Cruz da Cancela.