Lugo, 23 de decembro de 2016.- O Grupo Provincial do PP levará unha moción ao vindeiro pleno da Deputación na solicitarán a elaboración e posta en marcha por parte do organismo provincial dunha nova liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinada ás entidades sociais da provincia de Lugo.
Dende o PP demándanlle ademais ao organismo provincial que destine, no orzamento do ano 2017, a cantidade mínima de 500.000 euros para a elaboración de dita liña de subvencións. Así mesmo, pídenlle a Campos que convoque, á maior brevidade posible, “a representantes das entidades de servizos sociais da provincia e aos grupos políticos desta institución provincial a unha reunión de traballo para expoñer propostas e valoracións para a elaboración das bases destas subvencións”.
Avanzar na cohesión social
Os populares consideran necesario que a institución provincial fomente a colaboración coas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro lucenses e poña en marcha estas subvencións “co obxecto de contribuír aos gastos de mantemento dos seus centros, así como dos servizos estables, programas sociais ou actividades que leven a cabo”.
A voceira do PP, Elena Candia, salientou que “as asociacións e entidades sociais constitúen un referente imprescindible para coñecer a realidade e as necesidades sociais, o que fai da labor que se realiza dende o eido social e da igualdade unha ferramenta imprescindible na prestación dos servizos sociais”. Candia puxo en valor ademais que “a xestión eficiente das políticas de benestar social é sinónimo de calidade de vida, de igualdade de oportunidades, de inclusión, de cohesión social e de futuro para todos e todas”.
Dende o PP recordan que o actual Plan Estratéxico de subvencións da Deputación na anualidade 2015, prorrogado por acordo da Xunta de Goberno da Xunta de Goberno de data 15 de xullo de 2016, no que respecta á Área de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade (actualmente Área de Cooperación cos Concellos, Emprego, Benestar, Educación e Promoción Económica) contempla como única modalidade de axuda pública aos colectivos sociais da provincia as axudas directas en dúas formas: nominativa e excepcional.
Unha fórmula que garanta a igualdade entre colectivos
Candia recalca que “dende o PP entendemos que esta única fórmula non está a favorecer a participación e o acceso ás axudas públicas en igualdade de oportunidades a todos os colectivos. De feito a normativa galega en materia de subvencións recolle como procedemento habitual e ordinario para a concesión de axudas a modalidade de concorrencia competitiva”.
Deste xeito os populares consideran fundamental que a Deputación Provincial de Lugo poña en marcha esta nova liña de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, “co obxecto de contribuír aos gastos de mantemento dos seus centros así como dos servizos estables, programas sociais ou actividades que leven a cabo”.