Partido Popular de Lugo

Ethel Vázquez salienta que a Xunta lidera a reivindicación de servizos ferroviarios de calidade, competitivos e modernos para que os veciños de Lugo se beneficien da alta velocidade e poidan viaxar a Madrid en 3 horas

Segundo lembrou Ethel Vázquez, hai uns días mantivo unha xuntanza de traballo co secretario de Estado de Infraestruturas, na que o Ministerio ratificou o seu compromiso coa modernización da liña Lugo-Monforte-Ourense. Neste encontro, Fomento comunicoulle á Xunta avances importantes como que, de maneira inmediata, comezarán as probas de homologación na Variante da Pobra de San Xiao, previas á súa posta en servizo, que se producirá ao longo de 2017, o que xa suporá unha redución na lonxitude de trazado e, polo tanto, tamén se traducirá en aforro de tempo.

Así mesmo, informou de que o Ministerio xa traballa coa previsión de continuar a mellora da conexión ferroviaria con Lugo e que o seguinte tramo no que se vai a actuar é Variante de Canabal.

A Xunta, paralelamente, no ámbito das súas competencias, está a impulsar as estacións intermodais, coa construción de terminais de autobuses integradas nas terminais ferroviarias. Neste sentido, a conselleira adiantou que os Orzamentos da Xunta para 2017 recollen unha partida para a redacción dos estudos previos para o deseño da terminal de autobuses incluída na intermodal da cidade de Lugo, cuxa contratación se iniciará no primeiro trimestre do ano.

A titular de Infraestruturas do Goberno galego demandou no pleno do Parlamento “responsabilidade, unidade e colaboración” en defensa do AVE galego, e conseguir que a Administración do Estado dispoña o antes posible duns Presupostos aprobados e evitar así as consecuencias dun novo bloqueo.

A titular de Infraestruturas explicou que o Ministerio de Fomento se comprometeu a trasladar no mes de xaneiro o calendario previsto para que o AVE chegue a Galicia no menor prazo posible. Indicou que nos últimos días ten habido avances co desbloqueo de 4 dos 5 treitos que presentaban dificultades.

Ethel Vázquez subliñou que o ferrocarril é unha infraestrutura que ten experimentado un cambio substancial nos últimos anos na comunidade. Destacou o compromiso do Executivo español co impulso das infraestruturas galegas coa mobilización de máis de 4.100 millóns de euros por parte do anterior Goberno, situando a comunidade á cabeza dos investimentos estatais en toda España. Así, apuntou que todos os treitos da liña entre Galicia e Madrid, agás a variante de Ourense, están en servizo ou en execución.

A finalización e posta en marcha do Eixe Atlántico, en abril de 2015, reforzou a conectividade interior; veu incrementar a oferta en canto a prazas, no contorno do 40%; e a reducir os tempos das viaxes de xeito significativo, ata un 50%.