Lugo, 14 de outubro de 2016.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, vén de responder, en representación de Suplusa, á demanda interposta polo PSOE na Deputación de Lugo na que pedían que se deixe sen efecto o cambio dos estatutos na Sociedade Urbanística aprobado de xeito definitivo o pasado 30 de setembro.
Na resposta ao Xulgado de Primeira Instancia explícase que a postura defendida polos deputados do PSOE, que deu lugar á demanda, se revela como ‘insostible’, posto que conclúe, sen maiores, razoamentos, que a Deputación Provincial de Lugo resulta ‘incompetente’ para a prestación do servizo, a pesar das certamente amplas posibilidades que ofrece a normativa.
En concreto, Elena Candia considera esta postura insostible con respecto ás residencias. “Primeiro fan unha encomenda de xestión a Suplusa para a súa construción, despois votan a favor da ampliación das súas funcións como prestadora de servizos sociais e finalmente presentan unha demanda na que din que non son competentes. Nin eles saben o que queren”, critica.
Os tres membros do PSOE que asinan a demanda (Darío Campos, Pilar García Porto e Lino Rodríguez Ónega) votaron a favor da modificación do artigo 2 no consello do 28 de xullo. A demanda, polo tanto, contradí os actos propios dos conselleiros.
Así, no escrito explícase que a impugnación realizada agora polos deputados do PSOE “supón unha flagrante contradición cos seus propios actos””.
Tal e como consta na acta do Consello de Administración do 28 de xullo o presidente da Deputación e os outros dous conselleiros impugnantes votaron a favor de propor a modificación do artigo 2 dos Estatutos, o que determina, automaticamente, a falta de lexitimación activa para impugnar a modificación.
A voceira do PP considera que con este tipo de actitudes “a capacidade negociadora e de diálogo do presidente da Deputación queda claramente en evidencia”. “Decide levarnos ao xulgado e métenos en gastos innecesarios cando os acordos contaban cos informes favorables dos servizos xurídicos da entidade”, engade.
A Deputación si ten as competencias
O escrito engade ademais que a ampliación do obxecto social derivada da modificación do artigo 2 dos estatutos non vulnera as normas xurídicas que regulan as competencias da Deputación de Lugo. Con esta modificación “a Sociedade terá como obxecto a realización de actividade ligadas ao ámbito social sempre que se trate de prestacións, programas e servizos de carácter social, entendendo este como todas as prestacións, programas e equipos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e a participación social de toda a poboación galega”.
Aclárase, que a Deputación Provincial de Lugo si ten competencias para prestar diversos servizos sociais, que poden incluír a xestión de residencias de maiores, con arranxo á distribución competencial sinalada pola LBRL 7/1985 e a Lei 13/2008. Así, no artigo 63 da Lei 13/2008 atribúeselles ás Deputacións Provinciais unha competencia para proporcionar “asistencia económica, técnica e xurídica aos Concellos na execución das súas competencias en materia de servizos sociais”, e que esta asistencia debera ser prestada “de conformidade co previsto na normativa de réxime local”.
En canto aos demais artigos modificados, o escrito precisa que garanten o control sobre Suplusa por parte do Pleno da Deputación Provincial, de xeito que a nova redacción dos Estatutos mantén a relación de instrumentalidade entre Suplusa e a institución.