-
Elena Candia considera “necesaria e fundamental” a cobertura do posto dado que entre as súas funcións se atoparía a de dirixir e xestionar os servizos contra incendios e salvamento
Lugo, 12 de setembro de 2016.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, vén de presentar un escrito no que solicita que a Deputación de Lugo convoque “á maior brevidade posible” unha reunión da Xunta de Voceiros para avanzar na cobertura da praza de xerente do Consorcio de Bombeiros de Lugo. Así, os populares pedirán na xuntanza que esta petición se eleve ao próximo Pleno do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.
A voceira do Grupo Provincial do PP considera “necesaria e fundamental” a cobertura deste posto que a Deputación de Lugo ten pendente xa que, entre as súas funcións, tal e como acontece noutros consorcios, se atoparía a de dirixir e xestionar os servizos contra incendios e salvamento. Ademais, corresponderíalle ao xerente, entre outros cometidos, o de elaborar a presentar o anteproxecto de orzamento, así como elaborar e presentar os plans de actuacións e o programa de necesidades do consorcio.
Tamén lle correspondería prestar asistencia técnica aos órganos colexiados do consorcio, exercer a dirección do persoal ao seu cargo como propor as reformas que supoñan unha mellora do funcionamento, das dependencias e servizos.
Xunta de voceiros
A Xunta de Voceiros está integrada polos voceiros de cada un dos Grupos Políticos da Deputación. É un órgano de asesoramento e consulta da Presidencia, para a adopción de decisións de carácter corporativo e, en xeral, para todos aqueles asuntos que esta desexe someter á súa consideración.