-
Subliñaron que fronte ao engano da oposición, centrada en mentir ao falar de desmantelamento do hospital, Feijóo traballou en época de crise para dotar aos veciños da Mariña dun hospital de referencia, máis grande, con máis servizos e máis accesible
-
Puxeron en valor outras actuacións na comarca como é a do impulso á concentración parcelaria de Val de Alfoz que afecta a máis de 1.700 propietarios ou a do estado avanzado das obras do corredor da Costa Norte, no primeiro treito lucense, ao seu paso polo concello de Xove, e que implica un investimento da Xunta que supera os 50 millóns euros.
A Mariña, 11 de setembro de 2016.- O cabeza de lista do Partido Popular por Lugo, Francisco Conde, a presidenta provincial, Elena Candia, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña e o candidato e coordinador comarcal, José Manuel Balseiro, participaron hoxe en dous mitins nas localidades de Alfoz e de Xove. Nestas citas cos veciños, os populares quixeron poñer en valor que “Feijóo preside o goberno que fixo realidade a principal demanda da comarca da Mariña, a de ampliar e mellorar o Hospital da Costa”.
Tanto a presidenta provincial, coma o conselleiro de Sanidade e os candidatos populares por Lugo destacaran nas súas intervencións que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “cumpriu coa súa palabra” e, “o actual executivo autonómico puxo en marcha as obras que permitirán blindar os servizos sanitarios na Mariña”.
Os populares resaltaron que este compromiso fíxose “realidade” tras un proceso longo e complexo, tanto polos tramites esixibles como polo elevado esforzo inversor “levado a cabo nunha etapa de crise económica e de restricións orzamentarias. Mentres uns en época de bonanza non foron quen de mellorar o centro hospitalario, o PP estao a facer”. Polo tanto, “quedou demostrado que, fronte ao engano da oposición centrada en mentir ao falar de desmantelamento do hospital, Feijóo traballou en época de crise para dotar aos veciños da Mariña dun hospital de referencia, máis grande, con máis servizos e máis accesible”, engadiron.
Os populares tamén enumeraron que con Feijóo o complexo da Costa pasou a contar, por exemplo, coa sala de oncoloxía que evita o desprazamento dos pacientes que precisan de tratamento de quimioterapia, así coma cun servizo de hospitalización domiciliaria. Ademais de ver ampliados os seus servizos, o centro ampliado incrementará o persoal e ganará en capacidade resolutiva.
“Grazas ao Goberno da Xunta melloramos en sanidade”, subliñaron os populares, que fixeron fincapé en que co Goberno do PP acadouse que o 70% da poboación resida nunha comarca cun hospital ou centro de saúde novo (é o caso do HULA) ou mellorado (Hospital da Costa).
Comprometidos coa Mariña
Sumado á ampliación e mellora do Hospital da Costa, os populares no mitin de Alfoz tamén puxeron en valor que os seus veciños puideran tomar posesión das novas fincas resultantes do proceso de reestruturación parcelaria Val de Alfoz. Trátase dunha actuación impulsada pola Xunta e polo anterior equipo de goberno municipal, que a deixou practicamente finalizada á espera do remate definitivo. Actualmente, só está pendente que finalice a creación da rede de camiños secundarios. Polo tanto, con Feijóo tamén se logra finalizar unha concentración parcelaria cuxo proceso de reestruturación supuxo a reorganización da propiedade de 7.746 parcelas pertencentes a 1.786 propietarios, cun investimento de 4,9 millóns de euros.
Ademais, entre as actuacións levada a cabo pola Xunta en Alfoz, os populares tamén enumeraron a nova escola infantil, construída nun edificio cedido polo anterior goberno local; a cesión na anterior lexislatura municipal do centro de saúde á administración autonómica para o seu mantemento e a construción da vivenda comunitaria.
Mentres, no mitin de Xove, os populares destacaron especialmente a obra que se está a desenvolver nunha das infraestruturas máis importantes da Mariña, a Vía de Alta Capacidade Costa Norte, no primeiro treito lucense do corredor, que pasa fundamentalmente por este municipio, e que supón un investimento da Xunta que supera os 50 millóns de euros. As obras nesta estrada están moi avanzadas e inclúen o asfaltado de varios tramos e distintas probas de resistencia dos materiais. Esta actuación permitirá eliminar un gran número de tráfico pesado, dirixido á multinacional do aluminio Alcoa. Por certo, respecto desta última, os populares garantiron que traballarán por xerar un marco enerxético estable e competitivo.