Santiago, 10 de xuño de 2015.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou hoxe no Pleno do Parlamento que o Goberno galego vén de destinar, só en 2015, máis de un millón de euros en axudas dirixidas á modernización e mellora da seguridade a bordo dos buques pesqueiros.
Balseiro quixo lembrar ao PSOE que o Goberno galego xa ten en marcha un plan específico en materia de seguridade no mar que incorpora, entre outras, estas axudas, de convocatoria anual e de libre concorrencia, polo que poden acceder a elas todos os profesionais da pesca que así soliciten. Entre os aspectos obxecto de apoio xa estarían incluídos a instalación de dispositivos de gran utilidade, como os de localización individual para os mariñeiros e de flotabilidade para os buques.
O deputado popular fixo tamén un repaso dos avances promovidos polo Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo ao longo das últimas dúas lexislaturas, como foron: o aumento da tripulación e operatividade dos helicópteros de Gardacostas (24 horas e 365 días ao ano), a volta das lanchas de salvamento ao mar grazas ao establecemento de quendas máis racionais que melloran as funcións de control pesqueiro e ambiental, e apoio á seguridade das embarcacións. “Todo iso nun período no que máis de 16.000 profesionais da pesca e do marisqueo recibiron formación regrada e non regrada que incorporaba aspectos específicos de seguridade”, engadiu.
O PSOE CON FÓRMULAS QUE FRACASARON
O Grupo Popular non comparte a idea da oposición de recuperar algunhas medidas que xa teñen amosado o seu fracaso, como é o caso do antigo seguro de accidentes, substituído hoxe por unha póliza de responsabilidade civil, moito máis eficaz e promovida desde Galicia en colaboración coa Federación Galega de Confrarías. Tamén se opuxeron a recuperar o seguro do mal tempo porque non concitou interese no sector que na súa inmensa maioría non quixo acollerse ao mesmo pese a estar bonificado.
Balseiro tamén defendeu a utilidade do novo Real-Decreto que actualiza a normativa sobre tripulacións mínimas, tras medio século en vigor da norma anterior, e o importantísimo e imprescindible papel da Comisión que, dependente de Fomento, propón solucións tras analizar cada caso de siniestrabilidade marítima que acontece.
Finalmente o deputado popular retou ao PSOE a que demostre que algún profesional da pesca tivo que pagar algún operativo de rescate, un argumento que desde a oposición manexan recorrentemente pero que resulta ser absolutamente falso, xa que están expresamente excluídos deste pagamento. Balseiro aclarou que o único motivo de establecer os prezos públicos das operacións de salvamento é poder repercutir estes custes ás aseguradoras de buques estranxeiros en caso de probada neglixencia, nunca aos profesionais da pesca.