Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR REITERA O FIRME APOIO E COMPROMISO CO VALEDOR DO POBO, UNHA INSTITUCIÓN NECESARIA PARA O CONTROL POLÍTICO E MELLORAR O FUNCIONAMENTO DA ADMINISTRACIÓN

Santiago, 9 de xuño de 2015.- O portavoz do Grupo Popular para asuntos relacionados co Valedor do Pobo, Agustín Baamonde, afirmou hoxe que “a felicitación unánime por parte de todos os grupos parlamentarios que recibiu o informe de actividade desta institución respecto a 2014 vén demostrar que o Valedor está a facer ben o seu traballo”. Neste sentido, reiterou “o firme apoio e compromiso do Partido Popular cunha institución que consideramos necesaria para o control político e para mellorar o funcionamento da administración pública”.

Baamonde indicou que o informe do Valedor do Pobo é “unha ferramenta formidable e unha radiografía fiel do funcionamento dos servizos da administración pública galega”. Neste sentido, contrapuxo a utilización deste informe por parte da oposición “como panca de crítica ao Goberno galego, coa valoración que realizamos desde o Grupo Popular: somos conscientes de que expresa a voz da cidadanía e por isto aparecen recollidas eivas no funcionamento dos servizos públicos”.

CONFIANZA NA INSTITUCIÓN

Así mesmo, o portavoz popular felicitouse porque “a cidadanía acude en masa ao Valedor, o que demostra confianza na institución, pero tamén pon de manifesto que está agromando unha clase social máis participativa e que reclama protagonismo nas cuestións que lle interesan”.

Agustín Baamonde tamén fixo referencia á distinta actitude da Xunta con respecto ao informe do Valedor do Pobo. Así, lembrou que “en etapas anteriores era acollido e se lle facía oídos xordos ao que dicía, pero esta situación mudou desde a chegada ao Goberno da Xunta do Partido Popular, que reacciona ás apreciacións do Valedor no referente ao funcionamento dos servizos públicos”.

“Mostra desta actitude pola Xunta é a aceptación das suxerencias e recomendacións contidas no informe de 2013, como o incremento de recursos para o Risga, o aumento dos servizos en detrimento das axudas en dependencia ou a posta en marcha dun observatorio galego de violencia de xénero”, apuntou o portavoz popular..

Ademais, salientou a pacificación que se da en áreas como medio ambiente ou a Xustiza, así como no eido lingüístico, “que se manifesta nos últimos informes do Valedor a través do recoñecemento de accións positivas para a promoción e defensa da lingua”.