Mondoñedo, 11 de xuño de 2015.- O Partido Popular de Mondoñedo lamenta a actitude contraditoria do actual alcalde en funcións, Orlando González, que presume agora de deixar unha boa herdanza económica e faino tras manter a localidade na parálise absoluta durante dúas lexislaturas.
Os populares denuncian esta situación tras o bando firmado polo nacionalista e no que se recollen os fondos líquidos dos que dispón o municipio. “Están a demostrar que durante anos se fartaron de mentir aos mindonienses ao escusar a súa falta de actuación na carencia de fondos nas arcas da administración local”.
“Dixeron por activa e por pasiva que non tiñan diñeiro e agora presumen de deixalo, o único claro é que se non actuaron foi por incapacidade e desidia”, matizan dende o Partido Popular local.
Os populares lembran que dende o partido xa denunciaran a falta de coherencia de nacionalistas e socialistas que mentres aprobaban unhas contas que no 2007 reflexaban que o Concello de Mondoñedo tiña un remanente de tesourería (saldo que permite coñecer, ao final do exercicio, a solvencia ou capacidade económica que ten unha administración para afrontar as súas débedas) de 1,5 millóns de euros; queixábanse de non contar con fondos na administración local. “Agora con este novo documento firmado polo alcalde en funcións demóstrase de novo esta contradición, o que evidencia que se non fixeron nada por Mondoñedo foi porque non quixeron”.
A maiores, os populares tamén matizaron que calquera estudio económico debe reflexar o debe e o haber; polo que tamén deberían incluír, segundo engaden os populares, cal é a situación das débedas.
Por último, dende o Partido Popular concluíron ao asegurar que “o único que pretenden e queren conseguir e deixar as mans atadas ao novo goberno, co destino dos fondos xa decidido”.