Martes, 19 de maio de 2015.- O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, reivindicou esta tarde no mitin central do partido o seu “contrato público cos lucenses” fronte ao “acordo secreto” de Orozco con Besteiro “para irse correndo ao Senado” ao día seguinte das eleccións municipais.
Durante a súa intervención, no que tamén participaron os presidentes autonómico e provincial do partido, Alberto Núñez Feijoo e Xosé Manuel Barreiro, respectivamente, e a Ministra de Emprego, Fátima Báñez, Jaime Castiñeira desgranou os dez compromisos do seu “contrato”, “centrado na creación de emprego e en mellorar a atención ás persoas”. Así mesmo, reiterou que dimitirá se dentro de catro anos non ten cumprido alomenos un 90% deste decálogo de medidas, ás que tamén incorporou o rural “cun tratamento concreto e específico porque as parroquias teñen as súas necesidades concretas e específicas”: o remate do PXOM, a mellora das condicións das pistas ou máis servizos para o rural como saneamento e telefonía móbil.
“É un contrato blindado cos lucenses que estou seguro de que moitos veciños asinarán este domingo co seu voto nas urnas”, asegurou o candidato popular, quen recoñeceu que “sei que a palabra dos políticos hoxe non vale moito, pero aprendín da miña familia a ser honrado e que unha persoa vale o que vale a súa palabra”. Castiñeira contrapuxo este “contrato público” co “acordo secreto” de Orozco e Besteiro, que o propio candidato socialista admite implicitamente nunha entrevista publicada hoxe en El Progreso: “é Orozco quen se autodescartou para gobernar a cidade hoxe nunha entrevista, xa que nin sequera el mesmo se inclúe entre as dúas posibilidades que indicaba: ou un goberno de esquerdas sen el ou un goberno do PP”.
Castiñeira asegurou tamén que “estamos a cinco días de facer xustiza e de facer historia”: xustiza “porque é o momento de valorar os 16 anos de Orozco e onde nos situaron a Lugo nos informativos nacionais polas imputacións por corrupción, polos enchufes que recoñeceu, polos sobornos do señor Liñares ou pola folga de lixo máis longa”; e historia “porque xuntos conseguiremos recuperar a alcaldía para o PP e para que Lugo recupere a súa boa imaxe”.
Única alternativa
Por outra banda, Jaime Castiñeira reivindicou “un goberno estable” do PP “como a única garantía de que Lugo empece a ser unha cidade de oportunidades e como o único que asegura o crecemento e a mellora da calidade de vida dos lucenses”, dado que “o domingo hai nove partidos pero só dúas opcións: ou goberna Castiñeira ou Lugo é ingobernable”. “¿Se non son eu alcalde, quen vai ser alcalde? Nin se sabe”, subliñou. “Todos os demais partidos preséntanse contra nós e o seu obxectivo non é gobernar senón impedir que nós gobernemos”, aseverou o candidato popular.
Por último, Castiñeira advertiu aos asistentes que “conseguir esta oportunidade está nas nosas mans e depende de nós”, xa que aínda que “o voso voto é imprescindible, non chega”. “Lugo non volverá estar gobernada polo PP se non somos capaces de convencer aos nosos veciños, aos nosos amigos e aos nosos compañeiros de traballo”, subliñou, ao tempo que trasladou que “estamos aí, a piques de conseguir o obxectivo da alcaldía”, polo que os instou a “evitar que nos pase o mesmo que hai catro anos, cando quedamos por 400 votos ás portas do goberno”. “Pídovos que pidades o voto para o PP mirando aos ollos aos lucenses e explicándolles que, fronte aos imputados por corrupción, aquí tedes un candidato honrado e honesto; que aquí hai un candidato ilusionado, con ganas, con proxecto e cun equipo moi capaz; e que fronte aos que só son pasado, nós somos presente e sobre todo futuro”, concluíu Castiñeira.