Partido Popular de Lugo

Conde, Puy e Arias piden o voto para Juan Serrano e Pablo Taboada como garantía da igualdade entre todos os veciños

Portomarín/ Palas de Rei.- 20 de maio de 2015.- Conselleiro de Economía e Industria, voceiro do grupo parlamentario popular no Parlamento de Galicia e delegada da Xunta en Lugo, arrouparon esta tarde a Juan Serrano e Pablo Taboada en dous mitins onde resaltaron o traballo de ámbolos dous rexedores, “coñecidos por atender as necesidades dos seus veciños e transmitir as súas demandas ao Executivo Galego”.

A primeira parada foi Portomarín. Na casa da cultura e ante un amplo aforo, Francisco Conde, respaldou ao candidato popular e sinalou que nos seus primeiros catro anos de Goberno tense convertido no “mellor líder que Portomarín tivo en moito tempo”.

Neste sentido, o conselleiro apuntou como mostra do compromiso de Juan Serrano e o PPdeG coa vila as melloras levadas a cabo na iluminación pública; a construción dun parque contraincendios; as obras realizadas nos aloxamentos para peregrinos, como a Posada; ou  as accións formativas para o emprego nas que participaron cen portomarinenses.

Do mesmo xeito, Conde salientou que o PPdeG está xa a traballar no futuro, para ofrecer novas posibilidades ao rural galego, como demostra a estratexia para facer da biomasa unha nova industria. “Nos dous primeiros anos temos investido preto de 20 millóns nunha forma de enerxía que permite:crear empresas de produción e distribución de pellets no rural;e revalorizar os bosques en mans das familias galegas, permitindo que acaden máis beneficio polas súas terras”, subliñou o conselleiro, quen sinalou que esta é unha “oportunidade aberta que Portomarín debe aproveitar”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, puxo en valor a importancia estratéxica de Portomarín no camiño de Santiago e  lembrou que, o ano pasado, 161 mil peregrinos pasaron pola localidade. Deixou claro que o Goberno Galego no escatimará esforzos en aproveitar este elemento dinamizador.

En relación ao traballo e compromiso do Executivo Galego, Arias fixo fincapé no plan de Banda larga, un esforzo, sen precedente por parte da Xunta pola dotación de cobertura de internet. Lembrou a popular que antes da instalación deste plan, en Portomarín tan só o 11% dos veciños contaban con acceso e a día de hoxe, chega, con calidade, a máis do 97% dos habitantes.

De Portomarín a Palas de Rei

En Palas de Rei, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, respaldou ao candidato popular, destacando a súa boa sintonía con outras administracións,“unha das maiores fortalezas de Palas”, que lle permite captar cada vez máis investimentos e emprego para a vila.

Neste sentido, o conselleiro apuntou como mostra do labor desempeñado en Palas por Pablo Taboado e o PPdeG, a rehabilitación do Castelo de Pambre, facendo del “unha atracción de turismo de alcance nacional e internacional”; o desenvolvemento da autovía entre Lugo e Santiago con trazado por Palas; ou as melloras levadas a cabo no polígono industrial, motor de crecemento económico do concello.

Así mesmo, Conde apostou por aproveitar as posibilidades que ofrecerá o futuro para seguir traballado a prol de Palas, contando para ilo co liderado de Pablo Taboada. Entre estas oportunidades, Conde resaltou a Estratexia de Impulso da biomasa forestal na que o Goberno galego ten investido preto de 20 millóns nos dous primeiros anos para xerar unha industrial arredor do rural galego. “Unha oportunidade aberta que Palas de Rei xa está a aproveitar”, incidiu.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta e o voceiro do GPP no Parlamento Galego, definiron a Pablo Taboada como un candidato que reúne tres factores claves: traballo, constancia e sintonía con tódalas administracións e sectores. Nese senso, pediron o voto para o popular como garantía de compromiso co seu pobo e os veciños. 
Pola súa banda, tanto Juan Serrano coma Pablo Taboada insistiron no seu compromiso de seguir intentado satisfacer as necesidades dos seus veciños e de continuar na liña de fixar poboación e tecido empresarial en ambos Concellos.