Partido Popular de Lugo

Castiñeira pide o voto ao PP para que Lugo recupere a súa imaxe e transforme en oportunidades as súas debilidades

Venres 8 de Maio de 2015.- O Partido Popular de Lugo escolleu a Praza Maior diante da fachada principal do Concello como punto de partida para o arranque da  campaña electoral.

O candidato á alcaldía Jaime Castiñeira  invitou aos lucenses a sumarse ao proxecto de cidade do Partido Popular “queremos unir, tal e coma fixemos con este puzzle, as ideas de todos para darlle  unha volta á forma de gobernar que hai no Concello e conseguir ese Lugo mellor que todos merecemos”. 

O alcaldable do PP cambiou a cola e o tradicional cartel por un panel imantado onde montou un puzzle co slogan de campaña Mereces un Lugo Mellor “escollemos o imán porque somos o partido que máis pega cos lucenses”.

“Cada peza que coloquemos será unha meta alcanzada e, estou convencido de que, só se traballamos todos xuntos poderemos resolver os problemas de xestión dos servizos públicos, a perda de imaxe do municipio e combater o desemprego ” matizou o alcaldable do PP.

Jaime Castiñeira afirmou que os lucenses queren unha xestión diferente á que está levando a cabo o goberno socialista de Orozco indicando que a única alternativa fiable e responsable é votar ao Partido Popular. O alcaldable continuou o seu discurso explicando que  “somos un equipo que ofrece constancia, esforzo e ganas” e salientando que “somos os únicos que ofrecemos un proxecto claro de cidade con propostas realizables, cumpribles e ilusionantes”.

Castiñeira lamentou que o PSOE “intente armar un rompecabezas con  mentiras” e explicou que  “nós aspiramos a conseguir a alcaldía de Lugo presentando argumentos e non utilizando a mentira”. O alcaldable pediu aos simpatizantes que non entren en provocacións e  insistiu en que o seu equipo “desenvolverá unha campaña en positivo na que informaremos rúa por rúa das distintas propostas do noso proxecto para mellorar Lugo”. 

“Os lucenses están fartos da perda de reputación da súa cidade e se outros están empeñados en ensuciar á política non seremos nós os que lles sigamos o xogo”.

O alcaldable do PP pediu aos afiliados e simpatizantes que axuden a familiares, amigos e veciños a reflexionar o voto “hai que animalos primeiro a votar e segundo convencelos para que escollan a papeleta do Partido Popular”.

“Temos por diante un reto apaixoante que pode cambiar o futuro deste concello hai que traballar duro, moi duro para que nos vexan como unha alternativa e se sumen ao cambio” e para chegar á alcaldía temos que superarnos “necesitamos sumar votos, uns votos que serán ás pezas que necesitamos para completar o noso puzzle e chegar o próximo 24 de maio á alcaldía”.

Na pegada que se celebrou en Lugo participaron entre outras autoridades o Presidente Provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro.