Mondoñedo, 16 de abril de 2015.- A candidata do Partido Popular á alcaldía de Mondoñedo, Elena Candia, trasladoulle ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, “a importancia” que teñen os dous centros educativos (CEIP Álvaro Cunqueiro e IES San Rosendo) na súa localidade.
Elena Candia mantivo unha reunión con Román Rodríguez durante a que puxo de manifesto o valor engadido que tanto o instituto como o colexio teñen para a localidade xa que se converten en dinamizadores da actividade municipal.
A popular tratou co responsable en materia educativa as necesidades dos dous centros e trasladoulle propostas, entre as que Candia destaca a importancia de non só manter o ciclo de Formación Profesional, senón tamén estudar o fomento dunha maior oferta de FP no municipio, ao existir edificios sen uso onde se poden albergar estas actividades educativas.
Peche dun ciclo de compromisos
A alcaldable e o conselleiro analizaron estas necesidades despois de que se dese resposta aos compromisos adquiridos por parte do Partido Popular co equipo docente do CEIP Álvaro Cunqueiro Mora e coa ANPA do colexio público.
A popular lembrou que tanto o equipo directivo como a Asociación de Nais e Pais de alumnos reclamaran a construción dunha pista cuberta, o arranxo da instalacións eléctrica no centro e a dotación dun parque infantil.
Co peche da pista cuberta, que se rematará este verán, e cun orzamento de preto de 26.000 euros, remata un ciclo de actuacións neste edificio.