Partido Popular de Lugo

O GPP considera inaceptable que haxa concellos que achegan á Deputación máis do que reciben do orzamento provincial

Lugo, 7 de marzo de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, considera inaceptable que moitos concellos de Lugo sexan contribuíntes netos da Deputación. É dicir, as achegas económicas dos municipios ao ente provincial superan ás que reciben os Concellos do orzamento da Deputación.

“Hai municipios que poñen máis do que reciben do orzamento provincial. A balanza arroxa un saldo negativo para as arcas locais, pese a que a Deputación ten como principal competencia a de cooperación e colaborar cos municipios”, explicou Candia.

A popular fixo incluso referencia a datos numéricos e no partido xudicial de Vilalba danse cifras como que o pago dun Concello á Deputación pola xestión do cobro dos impostos está en torno aos 85.000 euros, mentres que o organismo provincial achega ao municipio unha contía que non supera os 50.000 euros entre subvencións para deportes, cultura e outro tipo de axudas.

Ante estes datos, a voceira dos populares na Deputación recriminou o castigo ao que somete o organismo que preside José Ramón Gómez Besteiro aos concellos do partido xudicial de Vilalba.

Servizos Sociais

A voceira dos populares asegura tamén que durante a reunión cos alcaldes dos concellos do partido xudicial de Vilalba se estudou presentar reclamacións para que a Deputación liquide as débedas contraídas cos municipios en materia de servizos sociais e que cumpra co financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

A débeda que a Deputación ten cos municipios dende que no 2012 se negase a cumprir coa lexislación vixente e apoiar maioritariamente o financiamento do Saf básico en concellos de menos de 20.000 habitantes “é moi importante”.

Así, os populares piden o pago destas débedas tras que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimase integramente os argumentos expostos pola Deputación para incumprir cos municipios.