Partido Popular de Lugo

Barreiro e García Díez defenden que a reforma fiscal impulsa a creación de emprego

Lugo 6 de febreiro de 2015. – O presidente do PP de Lugo e voceiro dos populares na Cámara Alta, José Manuel Barreiro, acompañado de deputados nacionais e senadores lucenses, ofreceu unha rolda de prensa para facer unha valoración da reforma fiscal levada a cabo polo Goberno Central.

Na súa quenda de intervención, Barreiro manifestou que Mariano Rajoy levou a cabo a reforma fiscal máis social, xusta e equitativa da nosa democracia. Neste senso, afirmou que esta non só supón unha baixada de impostos para 20 millóns de contribuíntes, cunha rebaixa media do 12.5% que devolve 9.000 millóns de euros nos vindeiros anos a cidadáns e empresas, favorecendo máis ás rendas máis baixas e ás familias máis vulnerables, senón que supón que teñamos un sistema tributario máis sencillo, equitativo e que contribúe a dinamizar o crecemento e creación de emprego a través do efecto multiplicador da inversión e o consumo potenciado o círculo virtuoso do crecemento.

Facendo fincapé en Lugo, o popular explicou que no mes de xaneiro, a rebaixa de impostos xa supuxo unha inxección de 2 millóns de euros en Lugo e manifestou que a reforma do IRPF na provincia supón unha inxección no ano 2015 de 26 millóns de euros para os 167.380 declarantes, devolvendo ao peto dos lucenses 153 euros de media por declarante.

Neste senso, o presidente provincial e voceiro no Senado, afirmou que no 2016, o impacto da segunda fase da reforma respecto ao ano anterior será de 9 millóns de euros adicionais, o que supón devolver aos cidadáns da provincia de Lugo 51 euros de media por declarante.

Manifestou o popular, que dende xaneiro de 2015 aumenta a liquidez das persoas físicas a través dunha importante redución das retencións, “o que significa que máis de 20 millóns de contribuíntes van dispor de máis renda dispoñible dende comezos de 2015”- matizou.

Barreiro lembrou que este Goberno conseguiu que España pase do abismo a senda do crecemento, da destrución á creación de postos de traballo, da desconfianza a que sexan moitos os que aposten por taxas de crecemento para este ano, ata fai poucas datas impensables. “Tal e como dixo Mariano Rajoy, este camiño foi posible gracias á determinación e firmeza nas medidas do seu Executivo pero tamén no sacrificio de toda a sociedade española, polo que agora toca devolver aos españois ese esforzo rebaixando os impostos”- sentenciou.

Pola súa banda, o deputado nacional, Joaquín García Díez, recalcou que as reformas estruturais emprendidas por Mariano Rajoy, tal como a tributaria, fixeron posible encauzar a economía española nunha nova senda de crecemento económico.

Dixo o popular que se demostrou que cunha política rigorosa pódense cumprir cos obxectivos do déficit ao tempo que se sanean as contas e se crea emprego, ao tempo que se comeza a baixada de impostos.
Neste senso, manifestou García Díez, que fronte a estas políticas están os “do todo gratis e o endebedamento sen límites”, que so conducen á quebra social e económica.

“Os populares estamos seguros de que os lucenses ao longo deste ano irán percibindo estas melloras nos seus petos e no seu entorno e saberán distinguir claramente entre un e outro modelo de goberno”- esgrimiu.

Explicou García Díez que si sumamos ámbolos dous anos, 2015 e 2016, a reforma do IRPF en Lugo supón unha inxección de 35 millóns de euros para os seus 167.380 declarantes, devolvendo ao peto dos lucenses 205 euros de media por declarante

Concluíu o deputado nacional, insistindo en que como consecuencia da reforma, máis de 1.600.000 persoas van deixar de tributar polo IRPF, das cales case 750.000 asalariados que gañan menos de 12.000 euros non terán que soportar retencións, cobrando o seu salario íntegro a partir de xaneiro de 2015.