Partido Popular de Lugo

Barreiro asegura que o PP traballa para gobernar en todas as alcaldías da Mariña

Alfoz, 5 de febreiro de 2015.- O presidente provincial do Partido Popular de Lugo e voceiro do Grupo Popular no Senado, Jose Manuel Barreiro, mantivo esta tarde unha reunión de traballo con alcaldes, portavoces municipais e concelleiros populares da Mariña lucense.

O encontro, no que tamén estivo presente o secretario xeral provincial e coordinador da campaña electoral para as vindeiras eleccións municipais, Jose Manuel Balseiro, tivo lugar no marco das reunións comarcais que a dirección provincial está a manter por toda a provincia.

GOBERNAR EN TODA A COMARCA

Nese eido, Barreiro sinalou que a formación popular traballa para gobernar en todas as alcaldías da Mariña lucense, obxectivo que entra dentro do posible, considerando os resultados dos últimos procesos electorais nesta comarca, (autonómicas, xerais e europeas) nos que se rexistraron vitorias dos populares en practicamente todos os concellos, así como a calidade e cualidades dos futuros candidatos.

A MARIÑA ESQUECIDA POLA DEPUTACIÓN

O líder dos populares lucenses animou aos seus a consolidar eses resultados e incluso, a melloralos, e como elemento de estímulo afirmou que, extrapolando as proxeccións actuais –aínda que os procesos son distintos- sería posible acadar un deputado provincial máis na Mariña lucense a costa do BNG, o que faría factible un goberno popular na Deputación de Lugo.

Precisamente A Mariña lucense e a gran esquecida polas políticas do goberno bipartito de Besteiro que aínda que os seus membros se dedican a facerse fotos case a diario na prensa cando chega a hora de verdade, a Deputación non está para colaborar cos concellos mariñás.

Así lembrou que a Deputación puxo en marcha un plan de emprego no que quedan excluídos todos os parados e todos os concellos da Mariña excepto o da Pontenova, ou promove cursos de formación que non teñen o correspondente certificado de profesionalidade e, polo tanto, de dubidosa homologación.

MOTOR DO CAMBIO

Barreiro animou aos populares da Mariña a ser o motor do cambio na provincia e a tinguir os gobernos locais en sintonía cos actuais executivos da Xunta de Galicia e do Goberno central, xestionados polo Partido Popular.

Animoulles tamén a facer unha campaña de proximidade, saíndo á rúa, con alcaldes e portavoces próximos ás necesidades dos seus veciños, reivindicativos e valentes á hora de poñer en marcha e demandar o que os seus concellos precisan.

Sinalou que tamén a política municipal precisa de gobernos responsables que colaboren nese ambicioso proxecto que supón consolidar as grandes cifras macroeconómicas no camiño á recuperación da actividade e do emprego.