Santiago, 7 de febreiro de 2013.- A deputada do PPdeG no Parlamento de Galicia Julia Rodríguez Barreira ven de presentar unha iniciativa encamiñada a que a Xunta aplique a redución do 50 por cento no solo industrial no Porto Seco de Monforte e facer tódalas xestións necesarias a fin de que o prezo das parcelas do polígono industrial do Reboredo se vexa igualmente reducido nesa porcentaxe, co obxectivo de facelo máis competitivo.
Julia Rodríguez recorda na súa iniciativa o anuncio da Xunta de Galicia de que ofrecerá medio millón de metros cadrados de solo industrial, propiedade de Xestur, con rebaixas de ata o 50 por cento no marco da primeira fase do programa de mobilización de solo industrial incluído na Axenda de Competitividade Industrial Galega, que afectará a parques empresariais nas Zonas Impulsa (Ourense, Ferrolterra, Lugo e Costa da Morte).
Para a deputada do PPdeG, “a necesidade de estimular a implantación de empresas nunha zona económica e industrialmente deprimida como o concello de Monforte require de tódolos estímulos posibles”, polo que solicita que se poida aplicar a máxima redución do 50 por cento aos terreos do Porto Seco de Monforte.
POLÍGONO DE REBOREDO
Julia Rodríguez tamén fai referencia na súa iniciativa ao polígono do Reboredo de Monforte que, tras 30 anos, “ten unha escasa ocupación relacionada co elevado prezo das parcelas, ademais doutros elementos como a imposibilidade de segregar parcelas para reducir o seu tamaño”.
Co obxectivo de atraer empresas e investimento a este polígono empresarial, “compre facer as xestións necesarias para que a empresa Suelo Empresarial del Atlántico S.L., que comercializa parques empresariais en Galicia, aplique tamén a mesma rebaixa do 50 por cento no prezo das parcelas deste parque, a fin de facelo mais competitivo”, indicou a deputada popular.