Mondoñedo, 29 de xaneiro de 2015.- O Partido Popular de Mondoñedo non aceptará leccións nin de socialistas nin de nacionalistas en materia de servizos sociais. Aseguran que a xestión do BNG e do PSOE, tanto no goberno local como na Deputación, deslexitima a estes dous partidos a dar leccións en materia de benestar a outras administracións.
Os populares fan estas declaracións despois de que os socialistas e nacionalistas, a través dunha mostra de confusión entre o que é “o titular e a xestión”, preguntasen á Xunta pola centro de día na localidade.
Ao Partido Popular de Mondoñedo sorpréndelle que se acorden deste servizo “agora que se coñeceu un proxecto para o municipio” e que se lembren só para facer política e para “marear aos veciños”, intentando deslexitimar outras administracións nas que non gobernan.
Nin un só logro
Os populares locais lamentan o descaro de socialistas e nacionalistas, que se atreven a enviar á prensa o titular de que preguntarán á Xunta de Galicia por un centro de día en Mondoñedo, cando xa é pública a existencia dese proxecto, defendido xa polo Partido Popular cando gobernaba no Concello.
Así, dende o Partido Popular aseguran que non aceptan leccións en materia de servizos socias dos socialistas e nacionalistas nin no Concello nin na Deputación e engaden que Mondoñedo nunca foi prioridade para o alcalde, nin para Besteiro.
Os populares lémbranlle ao alcalde e ao seu equipo que levan oito anos dirixindo o destino do municipio, gobernando en sintonía co PSOE e co BNG na Deputación, e coincidindo tamén co bipartito na Xunta de Galicia e incluso cos socialistas no Goberno local.
Pese a esta coincidencia nas cores políticas dos gobernos, e tendo en conta o partidismo dos socialistas e nacionalistas que dirixen os fondos preferentemente aos seus; Orlando González e os socialistas locais non acadaron unha xestión produtiva en materia de benestar e servizos sociais para Mondoñedo e para que a localidade contase con centro de día.
Os populares explican que o único mérito que ampara ao alcalde nacionalista en materia de servizos sociais é a perda da traballadora social, derivada da negativa da Deputación Provincial de Lugo a pagar aos municipios o custe do Servizo de Axuda no Fogar, incumprindo a lei.
Polo tanto, a propia xestión deslexitima a socialistas e nacionalistas á hora de dar leccións en materia de benestar e, conclúen dando un novo exemplo de ineficacia ao recordar que a Deputación de Lugo programou residencias en doce concellos da provincia, sen incluír Mondoñedo entre eles, e hoxe en día non funciona ningunha.