Lugo 15 de decembro de 2014.- Logo das declaracións verquidas polo Secretario Xeral do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo, o presidente provincial, José Manuel Barreiro, insta a Gómez Besteiro a atender a provincia e abandonar a súa e xa coñecida rutina: andar de viaxeiro para promocionarse, facer de mercader nalgunha ocasión e utilizar a Deputación única e exclusivamente para o seu beneficio persoal e círculos próximos.
Barreiro atribúe as declaracións de Gómez Besteiro ao dito “atrevida é a ignorancia” e afirma que “este señor leva tanto tempo en guerras internas e abandonando a Institución que representa que descoñece o que sucede na provincia de Lugo”.
Lugo: provincia con máis inversións por habitante
O líder dos populares lucenses acusa ao Secretario Xeral do PSdeG de “cara dura” e lémbralle que o último ano de Goberno bipartito, encabezado polo socialista Pérez Touriño, achegaba un investimento moito menor en tempos de bonanza fronte ao esforzo inversor do actual Goberno galego nun periodo de dificultade económica.
“O Executivo que encabeza Núñez Feijóo multiplicou por dous o investimento por habitante na provincia”- manifestou Barreiro, quen afirmou que fronte aos 374 euros por habitante previstos no último Orzamento elaborado en 2009 polo bipartito, pasouse aos 732 euros por habitante das contas autonómicas para este ano.
Neste senso Barreiro salientou o incremento do 64% nas achegas da Consellería de MATI para o 2014 e destacou os 37 millóns de euros máis na provincia lucense, que disporá de 42,25M€ en investimentos para estradas, e puxo en valor a partida orzamentaria para a VAP Sarria- Monforte, de 18,87M€, producíndose unha suba de 11 millóns de euros con respecto ao ano pasado. Tamén citou os 9,64M€ para o corredor Celeiro e San Cibrao.
Barreiro asegura que cando o Secretario Xeral do PSdeG fala de líos refírese á propia situación que vive no seu partido posto que dende que o señor Besteiro foi nomeado Secretario Xeral do PSOE galego, fai máis dun ano, a situación do seu partido, lonxe de mellorar cun líder novo, fóiselle das mans: crisis no Goberno de Ourense, no grupo municipal en Ferrol, o caso dos pisos patera no partido en Santiago, problemas en Foz, liortas en O Valadouro…
Esta situación, di Barreiro, que pon de manifesto que as ilusións de Besteiro, de querer ser o Mesías do PSOE galego veuse abaixo e eso de levar os tempos de paz interna e victorias para o PSdeG, convertiuse en papel mollado tras asumir o seu cargo.
Conclúe Barreiro retando a Gómez Besteiro a ocuparse do que lle compete, é dicir, atender a Deputación que preside e a traballar polos lucenses e a deixar de enganar a cidadanía con afirmacións falsas.